Últimos días para que as alumnas de ciencias opten aos Premios GirlGeekPower da Deputación e da Universidade de Vigo

Os galardóns están dotados de 6.000 euros para as mellores estudantes das ramas de ciencias, ciencias da saúde, enxeñaría e arquitectura dos campus universitarios da provincia

11/09/2023

O prazo para presentar as candidaturas aos Premios GirlGeekPower, unha das iniciativas enmarcadas na Cátedra de Feminismos 4.0 que impulsan a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, afronta os seus últimos días de apertura. Estes galardóns repartirán 6.000 euros co obxectivo de estimular, apoiar e promover os estudos STEM (acrónimo que fai referencia ás disciplinas de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemática), tradicionalmente masculinizados, entre as alumnas da Universidade de Vigo dos campus da provincia de Pontevedra. As candidaturas están abertas ata o próximo 29 de setembro.

Os GirlGeekPower teñen dúas modalidades, unha para estudantes das ramas de ciencias e ciencias da saúde e outra para as de enxeñaría e arquitectura, as dúas cun premio de 2.000 euros e cun accésit de 1.000 euros. As candidatas deben estar matriculadas na Universidade de Vigo no curso 2023-2024 en 60 créditos en titulacións de grao ou máster oficial nos campus de Pontevedra ou Vigo, ter superados un mínimo de 60 créditos e contar cunha nota media igual ou superior a 7 nas titulacións da rama de enxeñaría e arquitectura, ou a 8 nas de ciencias e ciencias da saúde.

Xunto coa solicitude, que se realiza cubrindo un formulario en liña, deberá incluírse unha carta de motivación na que se detallen as razóns que as levaron a estudar no ámbito das STEM e unha reflexión persoal sobre a súa experiencia como mulleres nun eido tradicionalmente masculinizado. No caso de que a solicitante realizase estudos nunha universidade distinta á de Vigo, é necesario presentar a certificación académica dos estudos cursados.

A Cátedra de Feminismos 4.0 que impulsan a Deputación e a Universidade de Vigo cumpre cinco anos co obxectivo de incrementar a presenza de mulleres nas áreas STEM e evitar que se reproduza a desigualdade de xénero no ámbito dixital. A través desta iniciativa, ambas as entidades buscan acadar a promoción da igualdade e a accesibilidade universal das mulleres no ámbito das actuais sociedades da información. Esta cátedra promove estudos feministas sobre a valoración da situación das mulleres e as STEM, a través da integración da análise de xénero no contido da investigación, do desenvolvemento e da innovación.