A Deputación e a Universidade de Vigo entregan os terceiros premios Girl Geek Covid aos mellores expedientes femininos en ciencias e enxeñaría
As catro galardoadas, Esther Lago, Henar Mariño, Iliana Durán e Laura Núñez destacan a importancia de eliminar os estereotipos de xénero á hora de escoller unha carreira profesional
09/02/2023
A terceira edición dos Premios GirlGeekCovid, a iniciativa enmarcada na Cátedra de Feminismos 4.0 que promoven a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, entregou hoxe, na sede da institución en Vigo, coa presenza da presidenta provincial, Carmela Silva, e do Reitor, Manuel Reigosa, os galardóns que recoñecen os mellores expedientes femininos nas carreiras de ciencias e enxeñaría, áreas nas que as mulleres seguen representando unha porcentaxe menor respecto aos homes que cursan estas especialidades. As galardoadas co primeiro premio en ciencias e enxeñaría foron Esther Lago Sampedro e Henar Mariño Bodelón, respectivamente, e no caso dos accésit Iliana Durán Alonso obtivo o correspondente a ciencias e Laura Núñez Álvarez o de enxeñaría.
Catro mulleres que son unha “esperanza para todas nós”
A apertura do acto correu a cargo da presidenta da Deputación, Carmela Silva, que se referiu ás premiadas como “un orgullo” e “unha alegría” e para as que augurou “un futuro cheo de éxitos, xa que comezan cun recoñecemento á súa excelencia académica, nin máis nin menos”. Tal e como destacou, “o camiño segue estando cheo de dificultades pero son optimista, hai xente valente como todas e todos vós que o transita e está dando pasos cara adiante”. A presidenta subliñou a importancia de “ter referentes para ter unha conciencia da realidade, para visibilizar que houbo outras antes que nós, que houbo sempre mulleres en todos os ámbitos do coñcemento”. E animou ás mozas a matricularse en carreiras STEAM, “para non perder o talento da metade do mundo e para estar aí, en profesións cunha alta demanda que nin sequera son cubertas”.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, na súa intervención, fixo referencia aos “esforzos que estades facendo neste camiño no que estamos todas xuntas e xuntos para mudar o mundo e a sociedade”. Engadiu que “o camiño da igualdade é un camiño que está mal empedrado, é sinuoso, ten costas, pero cada xeración que sae da universidade está a facer conquistas e é máis fácil defendelo”. Tamén manifestou o seu desexo de que “ogallá algún día non precisemos medidas positivas, nin Unidades de Igualdade” e apelou a traballar “de xeito conxunto, homes e mulleres, para construír unha sociedade igualitaria”.
Reivindicar os seus éxitos e contribucións
“Estes premios son importantes porque permiten que as nenas poidan animarse a escoller estas ramas do coñecemento no futuro”, recalcou tras recoller o premio Esther Lago Sampedro, estudante do Grao en Química da Universidade de Vigo e gañadora na categoría de Ciencias. No caso da gañadora na categoría de enxeñaría e estudante do mestrado de Enxeñaría de Telecomunicación, Henar Mariño Bodelón, aludiu á “importancia desta iniciativa par reivindicar e visibilizar o traballo das mulleres no ámbito STEAM” e manifestou o seu desexo de que “haxa máis mulleres no futuro estudando e traballando no mundo da tecnoloxía”. Pola súa banda, Iliana Durán Alonso, accésit na rama de ciencias e alumna do Grao en Bioloxía, apelou á necesidade de “destruír barreiras e seguir traballando para visibilizar ás mulleres referentes no ámbito científico, para construír un mundo máis xusto e equitativo, mellor para as persoas”. Laura Núñez Álvarez, alumna do Mestrado Universitario en Enxeñaría Industrial e accésit na rama de enxeñaría, resaltou que “é importante que a sociedade teña claro que as mulleres podemos ter éxito e somos totalmente necesarias en todos os ámbitos profesionais. Os estereotipos de xénero non deberían ser un impedimento á hora de escoller unha carreira profesional”.
A fenda e os estereotipos persisten
Aínda que a distribución do alumnado na Universidade de Vigo é paritaria (48% de homes e 52% de mulleres), segundo se desprende do seu Observatorio de Igualdade de 2022, o xénero feminino mostra maior presenza en tres das catro ramas: artes e humanidades (73%) ciencias da saúde (78%), e ciencias sociais e xurídicas, onde as mulleres representan o 60% do alumnado total matriculado.
Doutra parte, a rama de enxeñaría e arquitectura presenta unha forte masculinización, xa que o 77% do alumnado son homes, unha proporción que perdura ao longo dos últimos anos. Esta fenda é aínda máis relevante se se ten en conta que o alumnado matriculado nestas áreas de coñecemento representa o 27,5% do total. Ademais, estes ámbitos son os que concentran o groso das carreiras STEM ou CTEM (siglas en inglés e español de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) que se imparten na universidade. En total, das 7.615 persoas que estudan ciencias e enxeñaría e arquitectura, só o 32% son mulleres. Porén, nalgúns casos como no grao de Enxeñaría Aeroespacial e no grao de Intelixencia Artificial estase a evolucionar cara unha representación equilibrada no número de mulleres e homes matriculados. Esta mudanza nos datos déixanos intuír que se está iniciando un cambio de tendencia neste senso.
Os números coinciden cos do sistema universitario español. Noutras universidades do Estado, a segregación horizontal afecta a todo o alumnado de grao por rama de coñecemento dun modo análogo ao que se constata na Universidade de Vigo. Por tanto, apréciase que a fenda de xénero entre ramas de coñecemento persiste, así tamén os típicos estereotipos, pois as mulleres mostran preferencia por carreiras relacionadas con tarefas administrativas, o coidado e temáticas sociais. En cambio, os homes inclínanse por elixir carreiras relacionadas coa tecnoloxía e coa ciencia.
Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade e da Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo, fixo fincapé nos números e porcentaxes e amosou a súa ledicia na entrega destes premios no que “as mozas, as mulleres novas, estades a demostrar que sodes o poder”.
Os galardóns, que naceron para incentivar, apoiar e fomentar os estudos STEM entre as mulleres e están impulsados pola Deputación e a UVigo, mudarán de nome na súa próxima edición para deixar atrás o termo “covid” que fai referencia a unha etapa afortunadamente superada. A presidenta Carmela Silva foi a encargada de dar a coñecer a nova nomenclatura dos galardóns que o vindeiro curso pasarán a denominarse “Girl Geek Power”.