Luis López anuncia a posta en marcha do novo programa “Pontevedra, provincia +inclusiva”, dotado de preto de 200.000 euros para impulsar a accesibilidade

As entidades sociais poderán recibir ata 10.000 euros da Deputación de Pontevedra para promover actuacións que promovan a seguridade e a autonomía das persoas

19/04/2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres a aprobación na Xunta de Goberno das bases dun novo programa da institución provincial, “Pontevedra, provincia +inclusiva”. Esta iniciativa de Benestar Social ten un crédito total de 180.000 euros “para que entidades sen fins de lucro dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia impulsen actuacións de accesibilidade”, explicou o presidente provincial.

A través de “Pontevedra, provincia +inclusiva”, a Deputación busca promover condicións de seguridade e autonomía para as persoas, co fin de que poidan desenvolver as actividades da súa vida cotiá sen restricións, ter unha participación activa na sociedade e tamén usar e gozar os espazos e todos os recursos. O programa “vai repartir ata 10.000 euros por entidade”, sinalou Luis López, sempre que non supere o 80 % do orzamento total da actuación.

Ao abeiro de “Pontevedra, provincia +inclusiva”, as entidades sociais poderán financiar os derivados das obras de acondicionamento, reforma ou ampliación de espazos accesibles, redaccións de memorias de proxectos de accesibilidade, a adquisición de sistemas inclusivos de comunicación ou axudas técnicas relacionadas coa mobilidade e o coidado persoal, como poden ser camas articuladas, cadeiras de rodas ou guindastres, entre outras.

 

videos