A Deputación aproba o convenio coas Neves e Ponteareas para dixitalizar os castros de Altamira e Troña
A institución provincial dedicará 73.000 €, financiados con fondos europeos Next Generation, para poñer en marcha unha plataforma de realidade virtual integrada no portal web “Trazas de Pontevedra”
21/05/2024
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este martes o convenio de colaboración cos concellos das Neves e Ponteareas para implantar unha plataforma museográfica virtual de posta en valor dos castros de Altamira e Troña, respectivamente. O presidente provincial, Luis López, informou en rolda de prensa desta cuestión, cun orzamento de 73.000 euros: “Unha das accións contempladas no Plan de Sustentabilidade Turística do Condado-Paradanta, que ten un orzamento global de 1,8 millóns de euros con fondos europeos Next Generation, e que se denomina ‘Unha terra entre ríos’”.
Luis López explicou que este proxecto museográfico virtual consiste fundamentalmente “nunha plataforma de realidade virtual, que se integrará no portal web ‘Trazas de Pontevedra’, na que se mostrarán a historia, os costumes e a contorna dos castros”. Ademais, a plataforma tamén contará con contido audiovisual relacionado coa cultura castrexa e cos costumes dos seus poboadores. En paralelo, tamén se instalará sinalización física en ambos os dous castros que incluirá códigos QR para que as persoas visitantes poidan, a través dos seus dispositivos móbiles, acceder a este contido virtual.
O presidente provincial asegurou que esta “nova ferramenta reforza a nosa aposta pola sostibilidade do destino e pola desestacionalización”, e definiuna como “unha nova aposta da Deputación para poñer en valor os nosos tesouros arqueolóxicos”. Neste eido, Luis López lembrou que “a semana pasada estivemos na necrópole da Lanzada para solicitar a ampliación da súa catalogación BIC e ao que destinamos, para outro tipo de actuacións, en torno a 400.000 €”.