Luis López presenta Trazas de Pontevedra, unha ruta 100 % Rías Baixas por 17 xacementos arqueolóxicos para descubrir o patrimonio castrexo e romano da provincia
O presidente provincial remarca a aposta da Deputación pola posta en valor da súa orixe como sinónimo dun turismo cultural, natural, sostible e enraizado coa súa tradición
25/01/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este xoves o proxecto Trazas de Pontevedra, unha ruta por 17 xacementos arqueolóxicos que permite descubrir o patrimonio castrexo e romano repartido por toda a provincia. No posto que Turismo de Galicia ten na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebra esta semana en Madrid, o mandatario provincial afirmou que dar a coñecer esta riqueza contribúe a reforzar a posición da provincia como “destino turístico de calidade, natural, sustentable, diverso e enraizado coas súas tradicións”.
Acompañado por membros do Goberno provincial e coa presenza de representantes do sector turístico, Luis López explicou en que consiste o programa Trazas de Pontevedra. “Trátase dunha iniciativa impulsada hai case unha década por esta Administración provincial e que agora decidimos reimpulsar para musealizar e dixitalizar eses 17 magníficos xacementos, potenciala co deseño de rutas novas e visibilizala a través de novos contidos divulgativos”, sinalou López. Unha viaxe de 3.000 anos ao pasado para descubrir como era a vida neses poboados galaicos, cales eran os seus costumes e como deixaron unha pegada imborrable en concellos hoxe turísticos coma O Grove, A Guarda, Vilagarcía de Arousa, Cangas, As Neves, Oia, Sanxenxo, Marín, Cotobade, Tui, Campo Lameiro, Silleda, Ponteareas, Cuntis, Ribadumia ou Valga.
Neste sentido, o presidente provincial destacou a estreita colaboración da Deputación cos concellos nos que se atopan estes castros para devolverlle o esplendor que merecen. Unha iniciativa na que o goberno provincial ten a man tendida para colaborar con outras administracións na potenciación dun atractivo turístico e cultural 100 % Rías Baixas. “Temos o potencial para facer das Rías Baixas unha referencia aínda maior en turismo cultural a través do coidado do seu patrimonio arqueolóxico; a Deputación non escatimará esforzos para logralo”, asegurou López.
O presidente provincial Insistiu en que, ademais “das nosas rías, o noso albariño ou as nosas camelias, temos outra riqueza que brotou na nosa provincia moitos séculos antes”, anticipou antes de falar da orixe dos primeiros poboados das Rías Baixas. “Desde o máis alto dos nosos montes ou desde primeira liña de costa, desde a beira dos nosos ríos ou sepultados baixo terra, os poboados castrexos foron testemuña directa do desenvolvemento do noso territorio. Eles, os nosos antepasados, foron os primeiros en descubrir que as Rías Baixas tiñan algo especial e os primeiros en darse de conta da riqueza do noso recurso máis prezado: a auga, fonte inesgotable de vida e prosperidade”, subliñou Luis López.
A presentación de Trazas de Pontevedra rematou cun convite do presidente da Deputación a todas e todos os visitantes da provincia para que coñezan un patrimonio arqueolóxico que deixa pegada. “Deixa pegada nos que coñecerán de onde saímos e por que somos un lugar admirado en todo o mundo, deixa pegada a través da inxección económica que supón para o territorio e deixa pegada en sustentabilidade, en facer da nosa terra un destino único, irrepetible e singular. Un destino 100 % Rías Baixas”, rematou Luis López.