Luis López salienta que o Plan +Provincia da Deputación mobiliza esta semana 730.000 euros para seis concellos da provincia

Estes novos recursos beneficiarán á Illa de Arousa, Fornelos de Montes, Marín, Pazos de Borbén, Ponteareas e Salceda de Caselas

31/01/2025

Xunta de Goberno 31-01-2025

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar 730.000 euros para que seis concellos da provincia impulsen novos investimentos, afronten gasto corrente e contraten a 28 persoas ao abeiro das tres primeiras liñas do Plan +Provincia. En concreto, son A Illa de Arousa, Fornelos de Montes, Marín, Pazos de Borbén, Ponteareas e Salceda de Caselas. O presidente provincial, Luis López, asegurou que o goberno provincial segue “tendendo pontes cos concellos e avanzando no reparto de fondos do Plan +Provincia: cos da semana pasada son xa máis de 2,4 M € os recursos aprobados este para os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes ao abeiro do plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación”.

No marco da liña 3, de emprego, a Xunta de Goberno aprobou 340.000 euros para que os concellos de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén e Ponteareas poidan contratar a 28 persoas desempregadas. Deste xeito, Fornelos de Montes recibirá 90.602 € para contratar a 9 persoas desempregadas como peóns condutores operadores de maquinaria agrícola (5), limpadores (2), oficial tractorista 1ª (1) e socorrista (1); Pazos de Borbén contará con 84.316 € para contratar peóns de obras públicas en xeral (7), mozo de recollida de lixo condutor (1) e auxiliar administrativo (1), e Ponteareas 155.728 € para 10 persoas que se ocuparán das tarefas de peón de medio ambiente (8), auxiliar administrativo (1) e técnico de protocolo (1).

No caso da liña 2, de gasto corrente, o presidente da Deputación informou que a Xunta de Goberno da Deputación acaba de aprobar 200.000 euros para os concellos da Illa de Arousa e Marín. En concreto á Illa de Arousa diríxense 109.393 € euros para gasto corrente derivado da prestación de servizos municipais, entre eles o servizo de recollida xestión de punto limpo (77.914 €) e o servizo de limpeza da escola infantil e do colexio público CEIP Torre (31.478 €). Pola súa banda Marín recibirá 92.084 € paras a celebración da Festa Corsaria 2025 (67.167 €) e do Samaín Briz 2025 (24.916 €).

Por último,  na liña 1, de investimentos, aprobáronse 190.000 € para Ponteareas e Salceda de Caselas. Desta maneira, Ponteareas contará con 84.136 € para sufragar a achega municipal ao convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello para a execución das obras de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-4001, que ten un orzamento total de 729.230 €. Pola súa banda, Salceda de Caselas recibe 107.458 euros para facer fronte á achega municipal do proxecto básico e de execución do campo de fútbol Penedo Redondo, que recibe ademais 134.2896 euros do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.