A Deputación de Pontevedra confirma que o destino Rías Baixas medra un 16% en setembro e lidera o ránking de destinos turísticos de Galicia elixidos polos viaxeiros

Detéctase un crecemento do turismo estranxeiro de case o 30% con respecto ao mesmo mes do 2023, o que avala a estratexia turística impulsada polo goberno de Luis López

26/10/2024

A provincia de Pontevedra continúa a bater récords turísticos, tal e como acaban de sacar á luz os datos do Instituto Nacional de Estatística que constitúen a base da información que emprega a Deputación para os seus informes de turismo. Neste eido, a institución provincial confirma que o destino Rías Baixas medrou un 16% en setembro do 2024 con respecto ao mesmo mes do ano pasado, converténdose en líder do ránking de destinos turísticos de Galicia elixidos polos viaxeiros, diante de lugares como a Costa da Morta, a Mariña Lucense e as Rías Altas.

O pasado mes de setembro a provincia de Pontevedra rexistrou un total de 222.228 visitantes que supoñen o 35% dos que se achegan a Galicia. A porcentaxe maioritaria, o 59%, son españolas fronte ao 41% de estranxeiros. Neste eido, o organismo provincia detectou un crecemento do turismo estranxeiro de case o 30% con respecto ao mesmo mes do ano pasado e que a maior parte de visitantes internacionais proveñen de Alemaña, Estados Unidos e Portugal.  

Pola súa banda, segundo os datos recompilados polo Instituto Nacional de Estatística, a ocupación hoteleira media na provincia en setembro medrou case un 3% con respecto ao mesmo mes do 2023 e a estancia media foi de 2,1 días.

Avance de outubro

Pese a que os datos do Instituto Nacional de Estatística do mes de outubro non estarán dispoñibles ata finais de novembro, si se pode avanzar os rexistros de persoas visitantes que se achegaron ata a oficina de turismo do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, e aos castelos de Sobroso e Soutomaior que xestiona a Deputación de Pontevedra.

A oficina do Palacete das Mendoza rexistrou, ata a data, preto de 1.000 visitantes, maioritariamente españoles (60%) procedentes de Madrid, Barcelona e Valencia. No caso dos estranxeiros (40%), achegáronse desde Alemaña, Francia e Estados Unidos, detectándose un incremento entre o grupo de visitantes procedentes de Canadá.  

No que respecta aos castelos de Soutomaior e Sobroso foron visitados por 1.338 persoas e percorreron os Camiños de Santiago que atravesan a provincia un total de 16.615 peregrinos, sendo elixido maioritariamente o Camiño Portugués, seguido do Portugués pola Costa, o Camiño de Inverno e a Vía da Prata.