A Deputación presenta da man da Mancomunidade do Salnés as experiencias 100% Rías Baixas na praza das Ventas de Madrid

A institución provincial, encabezada polo deputado Javier Tourís, mantivo unha intensa axenda na capital española que abrangueu a presentación do destino a xornalistas especializados en turismo, viaxes e gastronomía, así como a turoperadores, empresas do IBEX35 e a membros da Federación Española de Comercio e Industria China

06/11/2024

Tourís na presentación do destino a xornalistas especializados en turismo

A Deputación de Pontevedra presentou da man da Mancomunidade do Salnés as experiencias 100% Rías Baixas na praza das Ventas de Madrid. Na capital, a institución provincial, encabezada polo deputado Javier Tourís, mantivo unha intensa axenda que abrangueu a presentación do destino a xornalistas especializados en turismo, viaxes e gastronomía, así como a turoperadores, empresas do IBEX35 e a membros da Federación Española de Comercio e Industria China. A xornada , na que se proxectaron vídeos e facilitou información sobre a provincia de Pontevedra e O Salnés, completouse cunha cata de viño e maridaxe.

“Estou seguro de que todas as persoas que viñeron á presentación de destino marcharon con ganas de coller un tren, un avión ou un coche para visitar O Salnés e a nosa provincia”, remarcou o deputado provincial quen aproveitou a ocasión para poñer en valor o traballo desenvolvido pola Mancomunidade do Salnés, “tanto na organización de iniciativas como esta desenvolvida en Madrid, como no seu día a día, polo ben común dunha comarca que pode presumir de ser un dos grandes epicentros turísticos de Galicia”.

Tourís subliñou que durante o verán a provincia de Pontevedra rexistrou un 11% de visitantes máis que no mesmo período do 2023 e que o fluxo de estranxeiros aumentou nun 25%. “Estes datos demostran que o estamos a facer moi ben, que temos unha oferta diferenciada, única e de calidade; que temos un sector comprometido; e que as nosas campañas promocionais están cumprindo o seu obxectivo”, asegurou ao tempo que detallou diferentes aspectos que caracterizan a provincia como a auga, eixo da campaña da Deputación de Pontevedra neste 2024, a natureza, a gastronomía, o enoturismo, a cultura e as tradicións, ou as rutas que atravesan Pontevedra cara Compostela.

Galerias de imaxes