Luis López anuncia a posta en marcha do novo programa “Lecer en familia”, dotado con 180.000 € para o reforzo de lazos familiares en establecementos hoteleiros da provincia

O programa busca tamén ser “dinamizador da economía da provincia”, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico fóra dos meses estivais

03/05/2024

Luis López en conferencia de prensa

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou esta mañá en rolda de prensa a posta en marcha dun novo programa provincial que vai beneficiar ás familias da provincia. Trátase de "Lecer en familia", unha proposta de termalismo dotada cun orzamento de 179.000 euros para reforzar lazos familiares nun ambiente de convivencia a través de estancias de fins de semana en establecementos hoteleiros da provincia. "O obxectivo final é desconectar do estrés diario e gozar dun ocio de calidade en familia, reactivando emocións positivas con actividades e o fomento da diversión compartida", explicou o presidente quen tamén engadiu que o programa tamén busca ser "dinamizador da economía da provincia", impulsando a creación e mantemento de postos de traballo no sector turístico fóra dos meses estivais.

A través deste programa, as familias con, polo menos, un menor ao seu cargo que teñan a súa residencia na provincia de Pontevedra poderán solicitar axudas para desfrutar dunha estancia de fin de semana nun balneario, talaso, spa ou similar da provincia, con aloxamento dunha noite (venres ou sábado) en réxime de media pensión. En total, ofertaranse 2.350 prazas. Destas, 2.300 son de réxime xeral e estarán subvencionadas con 75 euros do custo total para maiores de 16 anos; 50 € para cativos de 4 a 16 anos e ao 100% para os menores de 4 anos. As outras 50 prazas son de réxime especial, é dicir, en risco de exclusión social, e contarán cunha subvención de 130 €. O programa terá lugar entre o 15 de setembro e o 15 de decembro e a estadía incluirá a utilización das instalacións termais un mínimo de dúas horas ao día, así como actividades de animación sociocultural infantil.

Esta previsto que as bases do programa aprobadas hoxe en Xunta de Goberno se publiquen ao longo do mes de agosto, tras contratar a empresa que o desenvolva, e será despois cando se abra o prazo de solicitude.

+Benestar

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde ao expediente para contratar o servizo de execución do programa "+Benestar", que ofertará 2.127 prazas para que maiores de 55 anos poidan desfrutar de estancias de seis días e cinco noites en balnearios, talasos ou spas da provincia, cun orzamento máximo de licitación de 414 euros por persoa. En concreto, o total do presuposto é de 881.960 euros, dos que a Deputación financia 221.700 €. Desa maneira, subvencionaranse 2.097 prazas de réxime xeral con 100 € e 30 prazas de réxime especial con 400 €, sendo as persoas usuarias as encargadas de aboar o importe restante.

videos

audios