A Deputación leva este xoves a Moraña unha nova dobre sesión de cinema no marco do Ciclo Mestre Mateo

O Edificio multiúsos acollerá as proxeccións de “A nave das Marías” e “Chichi e mais eu” a partir das 18:00 horas

17/12/2024

Un día despois da primeira sesión dobre de cinema celebrada en Moraña, o Edificio multiúsos acolle este xoves 19 de decembro unha nova xeira de dúas proxeccións cinematográficas enmarcada no Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra. A finalidade desta iniciativa é achegar aos concellos da provincia as longametraxes e curtametraxes tanto de ficción como documentais que resultaron finalistas na última edición dos premios do audiovisual galego. Na sesión deste xoves, que comezará ás 18:00 horas, exhibiranse “Emoción, vida e teatro. A nave das Marías”, dirixida por Saamira Ganay e Cris Andina, e “Chichi e mais eu”, dirixida por Nico Campos.

“Emoción, vida e teatro. A nave das Marías” fala da importancia do teatro como ferramenta de intervención social a través dunha peza teatral creada dentro dun programa da ONG Ecos do Sur, co obxectivo de facilitar espazos de participación e visibilización para mulleres migrantes. As persoas implicadas no seu proceso contan en primeira persoa como as clases de teatro e o proceso creativo influíron nas súas vidas, deixando testemuño de como pode ser unha ferramenta se efectiva para cambiar a vida da xente.

“Chichi e maus eu” está centrado na figura de Xesús “Chichi” Campos, pioneiro do cómic galego, galerista, humorista e figura de relevancia na loita antifranquista. Malia o seu carácter pioneiro, é unha das figuras máis esquecidas da cultura galega. O documental percorre a vida e obra de autor trinta anos despois da súa morte e da man do seu fillo, que intenta responder as preguntas que deixou sen facer (tiña 11 anos no momento do seu pasamento). Esta segunda proxección, que irá a continuación da de “Emoción, vida e teatro. A nave das Marías”, comezará arredor das 19:30 horas.

A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo está a chegar aos concellos de Cerdedo-Cotobade, Moraña, As Neves e Ribadumia. Ademais de “Emoción, vida e teatro. A nave das Marías” e “Chichi e maus eu”, tamén haberá proxeccións de “O Corno”, “Matria”, “Fatum”, “A viaxe de Lucy”e “Salta!”, así como sesións de curtametraxes.