A Deputación leva este sábado a Pontecesures o circuíto +Escénicas con “Lúa quere viaxar a… Marte!”, da Xanela do Maxín

O espectáculo de teatro infantil poderá verse ás 21:00 horas no centro social da vila

21/11/2024

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 23 de novembro o circuíto +Escénicas ao concello de Pontecesures co espectáculo de teatro “Lúa quere viaxar a… Marte!”, da Xanela do Maxín. A función comezará ás 21:00 horas no centro social da vila, e enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.

“Lúa quere viaxar a… Marte!” é unha actividade de teatro infantil que busca fomentar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Despois de dar a volta ao mundo, Lúa sorprende a súa familia e amizades coa nova de que quere ser astronauta e viaxar ao planeta vermello. Malia todos os atrancos e dificultades, Lúa non está disposta a renunciar ao seu soño e fará todo o posible para logralo. O espectáculo afonda na idea de que hai e houbo grandes mulleres científicas, investigadoras e astronautas, que son o referente de Lúa para seguir adiante e facer realidade os seus soños.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.