A Deputación leva este domingo ao Rosal o circuíto +Escénicas con “DeseXo”, de Talía Teatro
O espectáculo de teatro xuvenil e adulto poderá verse ás 19:00 horas no Auditorio municipal
22/11/2024
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 24 de novembro o circuíto +Escénicas ao concello do Rosal co espectáculo de teatro “DeseXo”, de Talía Teatro, pensado para un público xuvenil e adulto. A función comezará ás 19:00 horas no Auditorio municipal, e enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.
“DeseXo” busca facernos reflexionar sobre cuestións como a educación sexual, se a sociedade está preparada para ter unha sexualidade sa, se sabemos como afrontar as nosas relacións, ou se cos coñecementos que temos somos capaces de educar as próximas xeracións nestes aspectos. A función tamén afondará sobre onde aprendemos o que sabemos sobre sexo, e concretamente sobre o papel de facelo a través das redes sociais e a pornografía, así como as súas consecuencias. “DeseXo”, de carácter cómico, pretende visibilizar como, malia vivirmos na sociedade do desexo e na máis sexualizada da historia, todas estas cuestións seguen a ser tabú.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.