A Deputación leva este venres a Fornelos de Montes o circuíto +Escénicas con “O Libro Máxico”, de Expresión Producións

O espectáculo de teatro infantil poderá verse ás 11:00 horas no CEIP Doutor Suárez

19/11/2024

A Deputación de Pontevedra leva este venres 22 de novembro o circuíto +Escénicas ao concello de Fornelos de Montes co espectáculo de teatro “O Libro Máxico”, de Expresión Producións. A función comezará ás 11:00 horas no CEIP Doutor Suárez, e enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.

“O Libro Máxico” é un espectáculo para desfrutar en familia con teatro, monicreques, contacontos, maxia, animación, clown e tamén música en directo. Esta historia comeza cun libro máxico xigante, do que aparecen uns fantásticos personaxes que contarán historias, farán maxia, tamén algunha trasnada e mesmo cantarán. Trátase dun espectáculo de carácter educativo, con grandes doses de humor.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.