A Deputación leva este sábado ata A Cañiza o circuíto +Escénicas e ata As Neves o ciclo Mestre Mateo

Na Casa da Cultura da Cañiza poderase ver a partir das 20:30 horas “O xardín de Vila Gris” de Fulano, Mengano e Citano no marco do novo circuíto cultural provincial

06/11/2024

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 9 de novembro ata A Cañiza o novo circuíto cultural +Escénicas coa obra “O xardín de Vila Gris” a cargo de Fulano, Mengano e Citano. A peza, para público infantil e familiar, poderá verse na Casa da Cultura da vila ás 20.30 horas.  +Escénicas trátase dun novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, que vai espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025.

“O xardín de Vila Gris” céntrase na historia de Martín, un habitante de Vila Gris que vive baixo a ameaza de Don Nefasto Funesto, un cobizoso construtor de edificios que adora o diñeiro máis ca nada no mundo e pretende apropiarse dese recanto para poñer en pé unha altísima torre de cemento. Martín non está disposto a perder o seu paraíso e Don Nefasto a perder o seu diñeiro. E, mentres as historias acontecen, o último lugar verde de Vila Gris corre un grave perigo.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao seu abeiro a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.

Ciclo Mestre Mateo

Pola súa banda o Auditorio Municipal das Neves acolle tamén o sábado 9 de novembro a sección de curtas do ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual xunto coa Deputación de Pontevedra. Nesta sesións, poderanse ver curtametraxes como “Antes de que se poña o sol”, “O coidado”, To bird or not to bird”, “O neno sardiña” e “Ulises”.

A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo chegará, ademais de ás Neves, a  Ribadumia, a Cerdedo-Cotobade e Moraña. Ademais das curtametraxes, poderanse ver pelícuas como “Matria”, “Fatum”, “O Corno” e “¡Salta!! E documentais como “A viaxe de Lucy”, “Emoción, vida e teatro, a nave das Marías”, “Chichi e mais eu” e “Os espazos en branco”.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.