A Deputación continúa esta fin de semana co programa +Convivencia con catro saídas ás Illas Cíes e Ons

Máis de 200 persoas de Fornelos de Montes, Moraña, Soutomaior e Vilaboa gozarán das actividades ofrecidas pola institución provincial para coñecer o patrimonio pontevedrés

16/08/2024

Máis de 200 persoas de catro entidades sociais de Fornelos de Montes, Moraña, Soutomaior e Vilaboa participarán esta fin de semana en saídas do programa +Convivencia da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación en recursos patrimoniais da provincia.

O sábado 17 de agosto tres asociacións irán coñecer a Illa de Ons (Bueu), concretamente 59 persoas da Asociación de Mulleres Rurais A Xuntanza de Fornelos de Montes, 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais O Menhir de Moraña e outras 55 persoas da Asociación Veciñal de Santa Cristina de Cobres, en Vilaboa. O domingo 18 de agosto será a quenda da Asociación de Mulleres Rurais Anduriña de Arcade, Soutomaior, coa que outras 54 persoas coñecerán outro importante recurso turístico da provincia de Pontevedra: as Illas Cíes.

O programa +Convivencia, dotado de 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro da provincia coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades de todo tipo relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia e o prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanecerá aberto ata o 1 de decembro.

Como novidade, o Goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.000 € para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.