A Deputación continúa esta fin de semana as saídas do programa +Convivencia con seis novas actividades

Preto de 400 persoas da Guarda, Mos, Salceda de Caselas, Vigo e Vilagarcía de Arousa gozarán das actividades ofrecidas pola institución provincial para coñecer o patrimonio pontevedrés

23/08/2024

Preto de 400 persoas de seis entidades sociais dos concellos da Guarda, Mos, Salceda de Caselas, Vigo e Vilagarcía de Arousa participarán esta fin de semana en saídas do programa +Convivencia da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación en recursos patrimoniais da provincia.

O sábado 24 de agosto terán lugar dúas saídas, que levarán a 50 usuarios do Centro Recreativo e Cultural de Torroso (Mos) a facer unha excursión polo Grove e outras 55 persoas da Fundación As Samaritanas da Guarda a realizar un percorrido pola ría de Vigo e descubrir o acontecido na contorna de Rande (Redondela).

Xa o domingo 25 de agosto, 54 usuarios da Asociación de Mulleres Rurais os Borrizos de Cornazo (Vilagarcía de Arousa) viaxarán ao Grove e á Illa da Toxa, mentres que dous colectivos de Salceda de Caselas, que mobilizarán 51 persoas coa Asociación Veciñal de Ameixoa e 50 coa Asociación Centro Cultural e Social de Castro Barreiro, irán á Illa de Ons (Bueu). Por último, 117 persoas da Asociación de Veciños e Empresarios de Cabral (Vigo) realizarán unha festa pola convivencia da veciñanza no parque forestal vigués de Cotogrande.

O programa +Convivencia, dotado de 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro da provincia coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades de todo tipo relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia. O prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanece aberto ata o 1 de decembro.

Como novidade, o goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata mil euros para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.