A Deputación pecha esta fin de semana o programa +Bosques do 2024 con percorridos polo lago Castiñeiras e o pazo de Lourizán

A iniciativa, que promove o contacto directo coa natureza, ten todas as prazas cubertas e permitirá afondar aos 30 participantes sobre as especiais características destes espazos

23/10/2024

A Deputación de Pontevedra pecha esta fin de semana o programa +Bosques do 2024 con percorridos polo lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa), o sábado 26 de outubro, e polo pazo de Lourizán (Pontevedra), o domingo 27. Serán en total 30 as persoas que participarán nestes percorridos, con duración de ata 3 horas, que permitirán afondar sobre as especiais características destes espazos que os converten en lugares protexidos ou con exemplares botánicos singulares.

Esta iniciativa da institución provincial, que promove o contacto directo coa natureza, permite ás persoas gozar dunha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, +Bosques promove  a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como a realización de exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural.

Entre xuño e a próxima fin de semana desenvolvéronse no marco de +Bosques preto de 40 percorridos por sete espazos, tanto da costa como do interior, da provincia entre os que se incluíron os ríos Almofrei (Pontevedra) e Xabriña (Covelo), O Carreirón (A Illa de Arousa), cabo Udra (Bueu), a illa de Tambo (Poio), o lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa) e o pazo de Lourizán (Pontevedra). Coas saídas desta fin de semana, a Deputación de Pontevedra pecha este programa que permitiu coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.