Luis López reafirma o compromiso da Deputación para mellorar a estrada entre Amoedo e Os Valos á espera de que Pazos de Borbén asine o convenio de colaboración
O presidente provincial mantén unha reunión de traballo co rexedor Luciano Otero, na que lle avanzou da aprobación dunha subvención de 122.000 euros do +Provincia para a rehabilitación dunha vivenda social en Pousiño e outros investimentos da Deputación
29/05/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, trasladou ao alcalde de Pazós de Borbén, Luciano Otero, a urxencia de asinar o convenio de colaboración entre as dúas administracións para executar o ensanche e mellora da seguridade viaria na estrada EP-2702 entre Amoedo e Os Valos, para a que o goberno provincial ten reservado un investimento de 960.000 euros co que atender unha demanda histórica da veciñanza deste municipio. Nun encontro de traballo que tivo lugar este mércores no despacho presidencial do Pazo Provincial, ambos os dirixentes repasaron outros investimentos previstos pola Deputación neste Concello e abordaron asuntos de interese mutuo para as dúas administracións.
Neste sentido, o titular do executivo provincial informou ao rexedor da aprobación na vindeira Xunta de Goberno deste venres da aprobación dunha subvención de 121.800 euros enmarcada na Liña 1 de Investimentos do +Provincia para facer realidade a rehabilitación dunha vivenda social en Pousiño. Ademais, a Deputación xa aprobara outra axuda de 80.000 euros correspondente a este programa provincial de obras e servizos para a adquisición dun vehículo mini pala. Así mesmo, o Concello ten solicitado 59.500 euros para a pavimentación de camiños, 47.800 euros para a mellora de infraestruturas e equipamentos municipais, 8.000 euros para a adquisición dunha furgoneta eléctrica, 32.000 euros para a pavimentación dun camiño en Nespereira e 5.100 euros para a creación dun centro de interpretación da natureza ao aire libre no río do Pozo Negro.
Ademais destas subvencións, a colaboración entre a Deputación e o Concello de Pazos de Borbén desemboca no investimento de máis de 500.000 euros a través de programas como o +Provincia, do que lle corresponde un total de 472.500 euros, 45.400 euros máis que no 2023; ou do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, do que percibe 40.600 euros para executar, xunto cunha achega de 27.500 euros do +Provincia, o 100 % do custo da cuberta para a pista municipal de pádel.
No tocante á Liña 3 do +Provincia de Fomento do Emprego, Pazos de Borbén ten aprobada unha achega de 90.000 euros para a contratación de oito persoas. Ademais, a través da Liña 2 de apoio ao gasto corrente ten asignados 39.200 euros; e pola Liña 4 para a redacción de proxectos transformadores recibirá 11.800 euros. “No reparto de fondos do +Provincia introducimos o criterio demográfico para que paliar a perda de poboación e iso reportoulle ao Concello de Pazos de Borbén 45.000 euros máis que no 2023”, destacou Luis López.
A reunión, enmarcada na liña do goberno de Luis López de tender pontes con todos os concellos da provincia, serviu tamén para repasar outros proxectos en marcha neste Concello. Un deles é a mellora da EP-2702 entre Amoedo e Os Valos, unha estrada que presenta graves problemas de seguridade viaria e que soporta unha alta densidade de tráfico. O proxecto de ensanche e mellora da seguridade viaria atopábase paralizado desde hai meses por trabas administrativa, con todo, o goberno de Luis López logrou desbloquealo e enviar, o pasado mes de abril, unha proposta de convenio ao Concello, que debe asinar, para iniciar unhas obras nas que a Deputación investirá case un millón de euros e que poñerán fin aos problemas de mobilidade entre estes dous núcleos do Concello de Pazos de Borbén. “Queremos darlle axilidade e que o Concello nos remita o máis pronto posible o convenio para iniciar a licitación”, afirmou o presidente despois deste primeiro encontro institucional co rexedor que serviu para reiterar a vontade do goberno provincial de manter a colaboración con todos os concellos da provincia.