Luis López presenta o Plan +Aqua para apoiar ás comunidades de usuarios de augas con axudas de ata os 10.000 € por entidade
O presidente, xunto o deputado de Acción Comunitaria e Equipamentos Públicos, Javier Tourís, remarcou o “firme compromiso da Deputación coas comunidades de augas da provincia de Pontevedra”
13/01/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de presentar o Plan +Aqua, o programa dirixido ás comunidades de augas da provincia que, dotado cun millón de euros, aprobou as súas bases o pasado mes de decembro. Durante o acto, que tivo lugar este sábado no Centro Cultural de Sobrada de Tomiño, Luis López, xunto o deputado de Acción Comunitaria e Equipamentos Públicos, Javier Tourís, e o fundador e representante da Asociación de Traídas de Augas Rurais, Rafael Carrera, remarcou “o firme compromiso da institución coas comunidades de augas da provincia de Pontevedra”.
“Este plan, que pon o acento na xeración de sinerxías positivas, sobre todo no rural, responde ao novo modelo de xestión na Deputación de Pontevedra, centrado nas persoas, sostible e aliñado cos obxectivos de reto demográfico”, asegurou o presidente. “Tiñamos –engadiu- unha débeda coas comunidades de augas, que desenvolven un papel imprescindible nos espazos máis afectados pola desigualdade territorial”. Por estes motivos, asegurou Luis López, xurdiu +Aqua, “para mellorar o medio rural e as barriadas urbanas mediante un mellor aproveitamento dos recursos; velar pola xestión da auga apoiando e fortalecendo a participación das comunidades locais; garantir o acceso universal e equitativo á auga potable, asegurando a súa calidade e sostibilidade; impulsar infraestruturas e equipamentos comunitarios que faciliten a autoxestión e a transformación social do territorio e, en definitiva, mellorar a calidade de vida dos nosos veciños, fomentando e dinamizando a implantación homoxénea de servizos comunitarios básicos”.
As axudas do Plan +Aqua oscilan entre os 6.000 e os 10.000 euros e as comunidades de augas poden presentar a súa solicitude ata o 29 de febreiro. Cos recursos do plan, as entidades poderán mellorar, reformar ou reparar as súas infraestruturas e instalacións de auga comunitaria; realizar actuacións de dixitalización, sostibilidade e eficiencia enerxética que impliquen unha mellora da calidade da auga; mellorar os sistemas de tratamento; legalizar novas concesións ou renovar as existentes, así como mellorar as captacións e as infraestruturas de almacenamento de auga.
A aposta da Deputación de Pontevedra polo tecido asociativo ascende este ano 2024 aos dous millóns de euros xa que, ademais do millón de euros que contempla o Plan +Aqua, tamén se aprobou outro millón de euros dirixido ás entidades veciñais, o Plan Provincia Comunitaria, que se presentou esta mesma semana aos colectivos da provincia.