Luis López trasládalle ao alcalde de Vilanova de Arousa que a Deputación ultima o proxecto da primeira fase da construción da senda peonil entre Baión e András

O presidente provincial, acompañado polo deputado Javier Tourís, mantivo unha reunión co rexedor vilanovés para abordar asuntos de interese mutuo para as dúas institucións

16/04/2024

Luis López: Encontro con Gonzalo Durán

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, avanzou no compromiso do Goberno provincial de construír unha senda peonil entre as localidades vilanovesas de Baión e András, na marxe da estrada EP-9701, e atender deste xeito unha demanda histórica da veciñanza deste concello. Fíxoo durante un encontro de traballo co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, ao que recibiu no seu despacho do Pazo provincial, acompañado polo deputado Javier Tourís, para avaliar a situación actual da primeira fase deste proxecto, abordar outros asuntos de interese mutuo e reforzar as vías de cooperación entre ambas as administracións.

Despois da visita do mandatario provincial ao Concello de Vilanova de Arousa no pasado mes de outubro, no que puxeron sobre a mesa a construción deste itinerario peonil, os dous dirixentes deron un novo paso adiante para a execución da obra. O proxecto, valorado en case un millón de euros, xa está redactado e nas vindeiras semanas ambas as administracións asinarán un convenio para fixar os termos para a súa execución.

Os traballos centraranse na creación dun itinerario peonil de 570 metros na estrada provincial EP-9701 entre Baión e András. Un treito que ten problemas de seguridade viaria ao presentar beiravías de dimensións reducidas e carecer de beirarrúas. Con esta actuación mellorarase de xeito significativo a conexión entre os dous núcleos, fomentarase a mobilidade peonil e reducirase o risco de accidente na contorna do colexio, a gardería, o centro de saúde e os núcleos poboacionais. Un obxectivo que se acadará coa ampliación do trazado, a nova pavimentación do firme e a renovación dos servizos, a creación dunha plataforma compartida na parte final da senda, a instalación de redutores de velocidade, a mellora da entrada peonil desde a estrada á escola infantil, a optimización das actuais paradas de autobuses e a mellora do cruzamento coa estrada autonómica PO-531.

Ademais de analizar a situación actual da primeira fase deste proxecto de mellora integral da seguridade viaria na EP-9701, López e Durán abordaron tamén outros proxectos froito da colaboración entre ambas as administracións coma a estrada das Sinas e Ousensa.

Do mesmo xeito, o presidente da Deputación reiterou o compromiso de colaborar cos concellos en todo o que sexa posible e recordou programas provinciais de cooperación cos municipios que xa están en marcha coma o “+Provincia”, ou os de apoio ao tecido asociativo coma o “+Aqua” ou o Plan provincia comunitaria.