Luis López destaca a feira Navalia como un espello global que amosa a importancia presente e futura do naval para a economía da provincia

O presidente da Deputación e a vicepresidenta, Luisa Sánchez, recibiron a Javier Arnau, director xeral de Navalia, a feira internacional do naval, para explorar as vías de colaboración entre a feira e a Administración provincial

31/03/2024

Luis López, Luisa Sánchez e o director xeral de Navalia, Javier Arnau

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, referiuse á celebración de Navalia, a feira internacional do sector naval que se celebra do 21 ao 23 de maio en Vigo, como un espello global da importancia que ten o sector naval para o emprego e o desenvolvemento económico da provincia. López e a vicepresidenta e encargada da Área de Economía, Luisa Sánchez, mantiveron esta semana un encontro co director xeral de Navalia, Javier Arnau, no que abordaron vías de colaboración entre a feira e a Administración provincial.

Nesta reunión, o mandatario provincial coñeceu a situación actual que atravesa o sector, así como as oportunidades e os retos que deberá afrontar no futuro. Do mesmo xeito, López escoitou as necesidades das e dos representantes do naval e ofreceulles a colaboración da Deputación para tender pontes cun sector fundamental para a provincia e o conxunto de Galicia.

A celebración deste evento en Vigo, cidade de referencia no noroeste peninsular na construción de barcos pola tradición e polo volume de traballo dos seus estaleiros, supón un impulso para un sector estratéxico na economía da cidade e da súa área metropolitana. De feito, na última edición foron máis de 20.000 as e os visitantes que acudiron a unha feira que reuniu 900 marcas e 400 expositores; unhas cifras que a converteron na máis importante de España e entre as tres máis relevantes de Europa.