A Deputación leva este martes a Poio o seu ciclo lírico en homenaxe a Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti

O recital, organizado por OperaConcert, terá lugar no Mosteiro de San Xoán ás 21:00 horas e contará coa presenza da neta de Pavarotti e da filla de Caballé

18/08/2024

A Deputación inicia este martes en Poio o percorrido que traerá á provincia o espectáculo lírico “Querida Montserrat, Querido Luciano” poñendo en convivencia a música de ópera co patrimonio pontevedrés. Organizada pola compañía OperaConcert, nesta actividade participan familiares dos artistas homenaxeados: Montserrat Martí Caballé, filla da soprano española, e Simona Todaro Pavarotti, neta do tenor italiano. A estrea na provincia terá lugar o martes 20 agosto ás 21:00 horas no Mosteiro de San Xoán de Poio con entrada libre ata completar aforo.

É a primeira vez na historia da música que se lle rende unha homenaxe a estes dous grandes cantantes unidos polo canto e cuxas voces resoaron nos mellores teatros do mundo, desde Sídney ata Roma, desde París a Nova York. No espectáculo que chega agora á provincia de Pontevedra tamén participan o barítono Luis Santana, a soprano lixeira María Dolores Crespo Abuín e o pianista Victor Carbajo. O espectáculo inclúe un repertorio da canción e a ópera italiana en recordo de Luciano Pavarotti, así como arias de ópera, canción española e zarzuela por Montserrat Caballé, con títulos como “O mío babbino caro”, “Ave María”, “’O Sole Mio” ou “Nessun Dorma”.

A xira de “Querida Montserrat, Querido Luciano” pola provincia continuará o mércores 21 na Praza da Concello do Porriño e o xoves 29 de agosto na Igrexa de Santa María do Porto (Templo antigo) de Marín, ambos os dous tamén ás 21:00 horas.