A Deputación leva este mércores ao Porriño unha homenaxe lírica a Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti
O recital, organizado por OperaConcert, terá lugar na Praza do Concello ás 21:00 horas e contará coa presenza da neta de Pavarotti e da filla de Caballé
19/08/2024
A Deputación continúa este mércores no Porriño o percorrido que está a traer á provincia o espectáculo lírico “Querida Montserrat, Querido Luciano”. Organizada pola compañía OperaConcert, e co obxectivo de poñer en convivencia a música de ópera co patrimonio pontevedrés, nesta actividade participan familiares dos artistas homenaxeados: Montserrat Martí Caballé, filla da soprano española, e Simona Todaro Pavarotti, neta do tenor italiano. A actuación celebrarase este mércores ás 21:00 horas na Praza do Concello do Porriño con entrada libre ata completar aforo.
É a primeira vez na historia da música que se lle rende unha homenaxe a estes dous grandes cantantes unidos polo canto, cuxas voces resoaron nos mellores teatros do mundo: desde Sídney ata Roma, desde París a Nova York. No espectáculo que chega á provincia a través da institución provincial tamén participan o barítono Luis Santana, a soprano lixeira María Dolores Crespo Abuín e o pianista Victor Carbajo. O espectáculo inclúe un repertorio da canción e a ópera italiana en recordo de Luciano Pavarotti, así como arias de ópera, canción española e zarzuela por Montserrat Caballé, con títulos como “O mío babbino caro”, “Ave María”, “’O Sole Mio” ou “Nessun Dorma”.
A xira de “Querida Montserrat, Querido Luciano” pola provincia da man da Deputación remata, tralo seu paso polos concellos de Poio e O Porriño, o próximo xoves 29 de agosto na Igrexa de Santa María do Porto (Templo antigo) de Marín, tamén ás 21:00 horas.