A Deputación de Pontevedra ultima as datas para poder visitar a exposición “Intu-Indo” de Xosé Luís Román no Palacete das Mendoza
A mostra, na que o pintor convida a reflexionar sobre cara a onde quere ir a humanidade, pode visitarse na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas ata o domingo 15
08/12/2024
A Deputación de Pontevedra mantén aberta ao público ata o próximo domingo 15 de decembro no Palacete das Mendoza a exposición “Intu-Indo”, unha mostra pictórica na que Xosé Luís Román xoga coa intuición e o azar sobre o lenzo para amosar a cotiandade en declive, a natureza menos amable e unha reflexión sobre cara a onde vai a humanidade. A mostra segue dispoñible ata o 15 de decembro na sala de exposicións do Palacete.
Xosé Luís Román define a exposición ‘Intu-Indo’ como unha visión pausada e, ata certo punto, optimista onde de determinados espazos, marcados pola improvisación controlada, agroman imaxes como resultado de manchas e de salpicaduras feitas no estoupar das cores. Esas cores distribúense nos lenzos do pintor en forma de pequenas pingas pola acción do azar, dando forma ás tramas que reflexan o seu xeito de entender a pintura.
Deste xeito, ‘Intu-Indo’ discorre por dous camiños que amosan a cor, que representa unha cotiandade en declive, e tamén unha visión menos amable dunha natureza presentida coa que o autor convida a reflexionar sobre cara a onde queremos ir como humanidade. Eses dous camiños, sinala, conflúen no desexo de atopar un espazo común nunha natureza sostible e harmónica.
Os horarios de visita da exposición “Intu-indo” de Xosé Luís Román na súa última semana no Palacete das Mendoza son os seguintes: de luns a xoves de 8:00 a 20:00 horas, e os festivos e mais o sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.