A Deputación de Pontevedra ultima as datas para poder visitar no Palacete das Mendoza a exposición “Galicia desde el Mar”, de Antonio Abalde

A mostra, na que o pintor vigués fai unha homenaxe á vida mariñeira galega, pode visitarse na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas ata o domingo 17 de novembro

09/11/2024

A Deputación de Pontevedra ultima as datas nas que se pode visitar no Palacete das Mendoza (sede de Turismo Rías Baixas) a exposición “Galicia desde el Mar”, unha mostra na que o pintor vigués Antonio Abalde fai unha homenaxe á costa galega, ás súas rías e á vida mariñeira. A exposición mantense aberta ata o próximo domingo, 17 de novembro, na sala de exposicións do Palacete.

A través da acuarela, técnica que lle permite xogar coa luz, coa auga e coa transparencia, o pintor ofrece nas súas obras unha fiestra ás paisaxes, ao mar, ás xentes e á cultura galegas. As pezas que compoñen “Galicia desde el Mar” capturan a vida cotiá das vilas mariñeiras, con estampas nas que aparecen as súas barcas varadas, os ceos anubrados que anuncian futuras tormentas ou tamén as redes colgando nos peiraos.

Antonio Abalde é un pintor nado en Vigo en 1951. O seu nome artístico, Abalde, é recoñecido no ámbito artístico galego e tamén alén das súas fronteiras. Desde as súas primeiras obras amosou unha profunda admiración por Galicia, o cal se reflexa nunha produción artística que xira predominantemente arredor das paisaxes, da cultura, da etnografía e da vida cotiá de Galicia. Ao longo da súa carreira expuxo a súa obra en numerosas galerías e centros culturais, tanto a nivel nacional como internacional.

Os horarios de visita da exposición “Galicia desde el Mar” son os seguintes: de luns a venres de 9:00 a 20:00 horas, o sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e o domingo, último día, de 10:00 a 14:00 horas.