A Deputación leva este domingo o programa +Escénicas a Soutomaior co espectáculo infantil “Kyoki” de Elefante Elegante

A peza, para público familiar e infantil, poderá verse no Multiúsos de Arcade o próximo domingo 19 de xaneiro ás 17:30 horas

16/01/2025

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 19 de xaneiro o circuíto +Escénicas a Soutomaior coa obra teatral para público familiar e infantil “Kyoki”, a cargo da compañía Elefante Elegante. A peza poderá verse no Multiúsos de Arcade a partir das 17:30 horas no marco desta pioneira iniciativa cultural da institución provincial, dotada de 150.000 euros, que está a levar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo.

“Kyoki” é un espectáculo sen palabras destinado ao público infantil e familiar que aborda a temática do esquecemento, da vellez e da soidade. O título significa “demencia” en xaponés, e refírese a unha alteración da capacidade para lembrar, pensar ou tomar decisións. Malia que adoita aparecer en persoas de idade avanzada, quen nunca esqueceu cousas como onde colocou a caixa das galletas, ou por distracción vestiu o xersei do revés? “Kyoki” é unha ollada cómplice, reflexiva e sensible ás experiencias que viven tanto as persoas que precisan ser coidadas como as coidadoras. A familia, as institucións médicas e as institucións sociais están presentes nos tres personaxes interpretados pola actriz protagonista: a avoa, a súa filla e a doutora.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao abeiro do programa a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.