Luis López sinala o pioneiro plan +Xuventude, que reparte 80.000 euros entre 17 colectivos, como unha “fantástica panca de apoio” para o talento mozo da provincia

O presidente provincial, xunto co deputado Jorge Cubela, participa nun encontro cos beneficiarios da primeira convocatoria de subvención específica para a xuventude da historia da Deputación

26/09/2024

Encontro cos beneficiarios da primeira convocatoria +Xuventude

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, celebra  o acerto que supuxo o lanzamento do pioneiro programa +Xuventude, a primeira liña de apoio específico para a xuventude aprobada polo organismo provincial, pola excelente acollida por parte de particulares e colectivos da provincia, así como pola colaboración para a posta en marcha de proxectos que demostran o talento, a formación, a capacidade de emprendemento e a sensibilidade polo futuro da súa terra da xente nova. Acompañado polo responsable de área de Xuventude, Jorge Cubela, o mandatario provincial participou esta tarde no Salón de Plenos do Pazo provincial no encontro no que beneficiarios da primeira convocatoria de subvencións do plan +Xuventude presentaron os seus proxectos, polos que reciben preto de 80.000 euros por parte da Deputación. “Esta é unha fantástica panca de apoio para o talento mozo da provincia”, sentenciou.

“Sodes futuro, si; pero tamén sodes presente”, díxolles Luis López aos beneficiarios do plan +Xuventude despois de escoitar con atención as razóns e os obxectivos que levaron aos participantes a deseñar estes proxectos. “Estiven escoitando con moita atención todas as vosas exposicións e teño que dicir que non me sorprenden. Non é ningunha sorpresa que a xente nova estea comprometida polo futuro da súa provincia, non é ningunha sorpresa que a xeración máis formada poña o seu talento ao servizo da súa terra e, está claro, tampouco é ningunha sorpresa a presentación de tantos proxectos tan interesantes, innovadores e sólidos”, sinalou o presidente recoñecendo as boas ideas e o compromiso coa provincia da mocidade.

O programa +Xuventude é un programa pioneiro posto en marcha este ano por primeira vez pola Deputación a través do tamén recentemente creado departamento de Xuventude e Reto Demográfico, que dirixe o deputado Jorge Cubela. Trátase dunha convocatoria de subvencións para apoiar iniciativas de interese social promovidas asociacións xuvenís da provincia ou persoas con idades comprendidas entre os 18 e 35 anos e que, nesta primeira edición, reparte un total de 77.000 euros entre 17 colectivos, que reciben cada unha un máximo de 5.000 euros, para a posta en marcha de iniciativas relacionadas coa cultura, a música, as artes, o deporte, a promoción de hábitos de vida saudable, a inclusión, a natureza, a ecoloxía, a ciencia, a divulgación, o ocio ou o patrimonio en concellos de todas as comarcas da provincia. “Somos moi conscientes de que para que Pontevedra vaia a máis, a nosa xuventude ten que ser partícipe do proxecto. Estamos a impulsar iniciativas como este +Xuventude, e outras moitas encamiñadas a escoitarvos, apoiarvos e facervos partícipes do deseño do futuro desta provincia, no que tedes moito que dicir”, díxolles o deputado Jorge Cubela para darlle a benvida aos asistentes.

A Deputación mobiliza 1,2 millóns de euros en programas xuvenís

O apoio á xuventude da provincia é un dos alicerces nos que se basea o goberno da Deputación. “Unha provincia que coida da súa xente nova, que aposta polo seu talento, que inviste na súa formación, que traballa para darlle oportunidades”, defendeu Luis López. Proba deste compromiso está na creación dunha área de goberno específica para a Xuventude, que nunca existira na historia da Deputación, dotada cun orzamento de 1,2 millóns de euros. Un departamento que promove becas para facer prácticas laborais no estranxeiro, premiar o talento xuvenil cos Premios Provincias á Xuventude, promover o asociacionismo a través da mellora dos locais para a mocidade cun plan novidoso como O Teu Espazo Xuvenil, ou a colaboración coa xente nova para a redacción do primeiro Plan Estratéxico par a Xuventude.

“A pedra angular do noso proxecto e da nosa aposta pola xuventude da nosa provincia é este programa +Xuventude”, afirmou o presidente durante o acto sobre a alianza formada entre a xuventude e a Deputación que permitirá “que os vosos proxectos pasen do papel á realidade, que a poboación da provincia goce de mellores servizos, que o motor da nosa economía tire con máis forza e que a nosa provincia siga sendo referencia en sustentabilidade”.

Despois de subliñar que a posta en marcha desta primeira convocatoria do + Xuventude supón unha nova mostra do compromiso da Deputación para seguir apoiando e traballando pola mocidade da provincia, o presidente da Deputación concluíu o seu discurso dando as grazas a todas as persoas e colectivos que presentaron os seus proxectos a este programa. “A excelente resposta do sector máis novo da poboación da demostra que esta aposta é un acerto e que se corresponde coa sensibilidade que tedes coa prosperidade desta terra. Desexo que este sexa só un primeiro paso dun camiño frutífero que a Deputación e a xuventude da provincia percorreremos da man”, rematou Luis López.

Galerias de imaxes