A Deputación e a Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns alíanse para manter viva a tradición oral da provincia a través dun álbum musical
O deputado Jorge Cubela presentou no Pazo provincial o álbum musical que acadou axudas na liña á edición de obras en galego para a difusión de traballos de interese cultural
24/02/2025
O deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, presentou este luns no Pazo provincial o disco recompilatorio da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns, de Ponte Caldelas, que se edita grazas á liña de axudas provinciais á edición de obras en galego para a difusión de traballos de interese cultural.
Jorge Cubela sinalou que “grazas ás achegas da Deputación de Pontevedra estamos a axudar a manter vivas as tradicións orais desta provincia e de toda Galicia”, nun álbum que recolle unha escolma das cancións que o Grupo O Torreiro leva interpretando desde fai máis dunha década polos Seráns da Comarca. O deputado de Cultura puxo en valor que esta acción “será o punto de partida da programación que imos levar a cabo co gallo das Letras Galegas deste ano, que están dedicadas á poesía popular oral, na que figuras como as cantareiras e as pandeireteiras teñen un papel fundamental”.
O deputado provincial lembrou que O Torreiro de Forzáns, presidido por Antón Xil, conseguiu para este proxecto unha achega de máis de 2.000 euros na convocatoria de 2024 da liña de apoio á edición de obras en galego para a difusión de traballos de interese cultural. A convocatoria deste ano está en marcha cun orzamento de 100.000 euros, 10.000 máis que na anterior anualidade. “Grazas a esta colaboración, estamos poñendo o noso gran de area para que esta importantísima tradición popular e oral da nosa cultural non esmoreza ao caer no esquecemento”, valorou Jorge Cubela, que tamén salientou o compromiso da Deputación co asociacionismo