A Deputación acolle a presentación do recuperado Entroido de Aguasantas de Cerdedo-Cotobade, que conta con dúas actuacións financiadas a través do Culturea
O deputado de Cultura e tamén alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, xunto con integrantes da Asociación Cultural Entroido de Aguasantas presentaron a primeira edición trala recuperación desta tradición, que se celebrará os días 1 e 2 de marzo nesta parroquia
21/02/2025
O Pazo provincial da Deputación de Pontevedra acolleu este venres a presentación da primeira edición que se celebrará do Entroido de Aguasantas, en Cerdedo-Cotobade, tralo labor de recuperación levado a cabo pola Asociación Cultural Entroido de Aguasantas. O deputado de Cultura e tamén alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acompañado de Manuel Suárez, director da asociación, presentou a actividade que conta con axudas da Deputación a través do programa Culturea e que terá lugar os próximos 1 e 2 de marzo.
Jorge Cubela lembrou que o Entroido de Aguasantas pode celebrarse despois de que os integrantes do colectivo “fosen falando coas persoas maiores da parroquia, empapándose dos seus recordos para poder recoller anécdotas e coñecer de primeira man o funcionamento destes festexos tan tradicionais”. Nas súas conversas puideron atopar fotografías e tamén escoitar sobre “a corrida do galo, sobre como os cabalos dos lanceiros ían engalanados con mimosas, dos asuntos que trataban nos sermóns ou as máscaras”. Neste sentido, o deputado asegurou que “estamos encantados de poder participar na recuperación desta tradición, de contribuír a poñer en valor o noso valiosísimo patrimonio inmaterial e, por suposto, queremos que se difunda a canta máis xente posible”.
O deputado de Cultura sinalou que a través do Culturea se financiarán as actuacións dos Trazantes de Tenorio e do seu grupo de Pandeireteiras, e tamén lembrou que o ano pasado a Asociación Cultural Entroido de Aguasantas beneficiouse dunha achega da liña de apoio a actividades culturais para organizar unha xornada de divulgación. Cubela sinalou que este ano “a Deputación estará o 1 e 2 de marzo con personaxes como as vellas, os madamitos e as madamitas, os maragatos, as muradanas, os disfraces de oficios… Desfrutando enormemente da memoria dos antergos e do Rexurdir da Momada, que volverá percorrer os camiños e as casas de Aguasantas”.