O curso Tirando do Fío fará un percorrido pola historia da indumentaria a través da arte desde o antigo Exipto á Revolución francesa

Carolina Munáiz impartirá este curso no Museo de Pontevedra, que se pon en marcha o 31 de xaneiro e se desenvolverá todos os mércores ata o 17 de abril

24/01/2024

curso Tirando do Fío

O Museo de Pontevedra organiza un curso sobre a historia da indumentaria a través da arte, que se desenvolverá en dez sesións, os mércores a partir do 31 de xaneiro. Tirando do Fío será impartido por Carolina Munáiz, que dedicará cada sesión a un momento histórico diferente, e percorrerá así o antigo Exipto, Grecia, Roma, Bizancio, a Idade Media, o Renacemento e o Barroco ata chegar á Revolución francesa. O curso terá lugar os mércores de 19:00 a 20:30 horas no Edificio Castelao, con entrada libre. As persoas que queiran obter un certificado de asistencia deberán inscribirse previamente en reservas.museo@depo.gal e asistir como mínimo ao 70 % das sesións.

A profesora, Carolina Munáiz, explica que “o curso aborda unha aproximación aos cambios históricos substanciais e o seu reflexo nas siluetas, pezas e complementos icónicos de cada período cultural”, deténdose en aspectos como “a simboloxía cromática do téxtil, o influente ámbito militar no traxe civil, a convivencia e separación de criterio masculino e feminino, o percorrido das artificiosas pezas interiores ou a propaganda de poder da casa de Austria e da Coroa francesa”.

As primeiras catro sesións do curso aproximaranse ás antigas civilizacións mediterráneas: a cultura téxtil do antigo Exipto, a adecuación das pezas na Grecia clásica e a consecuente expresión de poder mediante a aparencia en Roma e en Bizancio. Nas xornadas dedicadas á Idade Media expoñerase a relevancia que cobra o traxe como expoñente social nas monarquías medievais e como, cara ao século XIII, se aprecia un punto de inflexión: a desmaterialización das pezas e, por conseguinte, a revelación do corpo. O gusto ascendente pola verticalidade terá connotacións na esvelta silueta propia do gótico pleno.

O curso afondará despois na indumentaria no Renacemento, con valores máis terreais, na que prima a liña horizontal á par dun espírito materialista que se traducirá en ostentación e luxo na clase podente. No Barroco, a teatralidade e a extraversión serán aliadas da imaxe en tempos de absolutismos, aínda cando a corte española conseguía manter fama de carismática austeridade. En rumbo contrario á paulatina depuración da silueta do home, os valores preciosistas e de artificio asumidos pola elite feminina europea vivirán o seu esplendor no Versalles do XVIII, mais serán abruptamente rexeitados tras a sobrevinda Revolución francesa.

Carolina Munáiz é docente na Escola Superior de Deseño de Moda Formarte da Coruña, titulada en Ilustración pola EASD Pablo Picasso e con formación de primeiro ciclo da Escola de Cantería de Pontevedra. É profesora das materias de Historia da Indumentaria e de Historia da Arte e da Moda do Século XX. Compaxina o labor docente coa súa traxectoria como pintora.

Programa completo

  • 31 de xaneiro. O antigo Exipto
  • 7 de febreiro. Da Grecia prehelénica á Grecia clásica
  • 21 de febreiro. Indumentaria do imperio: Roma
  • 28 de febreiro. O luxo bizantino e o medievo europeo
  • 6 de marzo. O traxe na Baixa Idade Media
  • 13 de marzo. Do gótico internacional ao Renacemento
  • 20 de marzo. O boato renacentista
  • 3 de abril. A cultura do Barroco
  • 10 de abril. A moda rococó
  • 17 de abril. Desenlace revolucionario