A Deputación contratará por máis de 300.000 euros o programa “+Xuntas” de formación para mulleres

O plan ofertará máis de 200 obradoiros para federacións e fundacións enmarcados en catro temáticas diferentes: tecnoloxía, creatividade, natureza e saúde

08/03/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente de contratación para a execución do programa "+Xuntas", que conta cun orzamento total máximo de 323.000 euros. "Un dos nosos obxectivos transversais é a promoción da igualdade e a eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como a erradicación da violencia de xénero. E temos claro que a formación, a través de programas coma este, é un instrumento clave para poder avanzar", asegurou o presidente provincial, Luis López.

A través de "+Xuntas" a Deputación ofrecerá 207 obradoiros para federacións e fundacións sen fins de lucro da provincia que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres e que apoien o seu desenvolvemento.

Desta maneira, "+ Tecnoloxía" contempla cursos de alfabetización dixital, de socialización coas redes sociais, de Administración electrónica e de administradoras de redes sociais; "+ Creatividade", con obradoiros de pintura, teatro, encontros con lectoras, labores de retallos, personalización de álbums e artesanía en coiro; "+ Natura" inclúe accións formativas centradas nas plantas medicinais, a conservación de alimentos, a xardinería, as hortas ecolóxicas e a arte floral; e, por último, "+ Saúde", con obradoiros de ioga, pilates, taichí, ximnasia hipopresiva, menopausa de forma saudable, autocoidado, autoestima e comunicación asertiva, musicoterapia, risoterapia e atención plena. Os cursos están dirixidos a un máximo de entre 20 e 25 persoas, segundo a especialidade, e teñen unha duración de 35 horas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.