A Deputación ultima os días para visitar en Salvaterra a mostra “Cines de Pontevedra”, na que se recupera a memoria e a ilusión das antigas salas da provincia

A mostra poderá visitarse ata o domingo 29 de setembro na Casa do Conde do Museo do Viño de Salvaterra

26/09/2024

A Deputación de Pontevedra ultima os días para visitar en Salvaterra a mostra “Cines de Pontevedra. Memoria dunha ilusión”,  que comezou nesta vila a súa viaxe pola provincia de Pontevedra tras estar exposta no verán no Pazo provincial. A mostra, na que se recupera a memoria e a ilusión das antigas salas de cine da provincia, poderá visitarse ata este domingo 29 de setembro na Casa do Conde do Museo do Viño.

A mostra, promovida pola propia institución provincial, busca recuperar os recordos dos vellos cines, daqueles de sala única que se espallaron ao longo do século XX polas cidades, vilas e localidades da provincia e que, salvo contadas excepcións, pertencen xa ao pasado. Desta maneira, recupera testemuños da importancia social e cultural que tiña ir ao cine, desde os espazos e arquitecturas que foron acollendo o espectáculo ao conxunto de actividades, prácticas sociais e relacións artelladas nos tempos en que o cine era a principal forma de ocio, e tamén a máis barata. Ademais de restos materiais das vellas salas e dos documentos de arquivo, as vivencias arredor do espectáculo do cine subsisten na memoria e nos recordos das últimas xeracións que coñeceron aqueles tempos. Deste xeito, o proxecto complétase coas memorias e vivencias de persoas da provincia, un traballo para o que se realizaron máis de 500 enquisas.

Despois do seu paso por Salvaterra, onde se poderá visitar na Casa do Conde ata o 29 de setembro, de xoves a domingo en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas, a exposición continuará o seu percorrido polos concellos da provincia con paradas na Estrada, en outubro, e Sanxenxo, a continuación, para rematar o ano na Sede de Vigo da Deputación.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.