A Deputación proxecta “Chichi e mais eu” este sábado nas Neves no marco do Ciclo Mestre Mateo
28/11/2024
O Auditorio municipal das Neves acolle este sábado 30 de novembro unha proxección cinematográfica do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra co fin de achegar aos concellos da provincia as longametraxes de ficción e documentais finalistas nos últimos premios do audiovisual galego. Nesta sesión, que se celebrará ás 20:00 horas, exhibirase o documental “Chichi e mais eu”, dirixido por Nico Campos.
“Chichi e maus eu” está centrado na figura de Xesús “Chichi” Campos, pioneiro do cómic galego, galerista, humorista e figura de relevancia na loita antifranquista. Malia o seu carácter pioneiro, é unha das figuras máis esquecidas da cultura galega. O documental percorre a vida e obra de autor trinta anos despois da súa morte e da man do seu fillo, que intenta responder as preguntas que deixou sen facer (tiña 11 anos no momento do seu pasamento).
A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo chegará, ademais de ás Neves, a Cerdedo-Cotobade, Moraña e Ribadumia. Ademais do documental “Chichi e mais eu”, tamén se programan proxeccións de “Matria”, “Fatum”, “O Corno”, “¡Salta!”, “Emoción, vida e teatro. A nave das Marías”, “A viaxe de Lucy” e “Os espazos en branco”, así como sesións de curtametraxes.