A Deputación leva este domingo a Cerdedo-Cotobade a proxección de “A viaxe de Lucy” no marco do Ciclo Mestre Mateo

O documental poderá verse na Casa do Pobo de Corredoira ás 18:30 horas

11/12/2024

A Casa do Pobo de Corredoira, en Cerdedo-Cotobade, acolle este domingo 15 de decembro unha proxección cinematográfica do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra. A finalidade desta iniciativa é achegar aos concellos da provincia as longametraxes e curtametraxes tanto de ficción como documentais que resultaron finalistas na última edición dos premios do audiovisual galego. Na sesión deste domingo, que comezará ás 18:30 horas, exhibirase “A viaxe de Lucy”, dirixida por Ruth Chao.

“A viaxe de Lucy” é unha película documental que narra unha apaixonante misión espacial da NASA a través dos ollos de catro mentes brillantes: as de Hal Levison, Cathy Olkin, Donya Douglas e Matt Cox. A documental derriba os clixés do oficio a través da intimidade destes catro científicos e, cun toque de humor, inspira as novas xeracións para que persigan os seus soños.

A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo está a chegar aos concellos de Cerdedo-Cotobade, Moraña, As Neves e Ribadumia. Ademais de “A viaxe de Lucy”, tamén haberá proxeccións de “O Corno”, “Matria”, “Fatum”, “Os espazos en branco”, “¡Salta!”, “Emoción, vida e teatro, a nave das Marías” e “Chichi e mais eu”, así como sesións de curtametraxes.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.