A Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias organizan este xoves unha charla sobre escavacións paleontolóxicas
A conferencia, enmarcada no Ciclo Aida Fernández Ríos, será impartida en formato webinario por Aurora Grandal, profesora titular de Paleontoloxía no Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal da Universidade da Coruña
27/05/2024
O ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos, que promoven a Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias fará este xoves un percorrido pola historia das escavacións paleontolóxicas en Galicia. A conferencia, que será impartida en formato webinario a partir das 19:00 horas, correrá a cargo da profesora titular de Paleontoloxía do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal da Universidade da Coruña (USC), Aurora Grandal. A preinscrición está aínda aberta e pode realizarse a través desta ligazón.
En “Escavacións paleontolóxicas en Galicia” Aurora Grandal analizará o interese que os seres humanos teñen polos fósiles desde a prehistoria, tempo no que probablemente aínda descoñecían o que significaban aqueles obxectos de formas curiosas e non sendo ata o Renacemento cando se recoñeceu a súa verdadeira natureza. Desta maneira, debullará como, seguindo un camiño moitas veces tortuoso, chegamos á época actual e estudiamos os fósiles dos nosos propios antepasados, descubrindo a apaixonante historia da nosa especie e o seu paso pola Terra. No seu repaso non faltarán os estudos sobre o descubrimento de fósiles en Galicia, non sempre restos humanos, pero que en moitos casos tamén falan da nosa historia.
Trala charla a cargo de Aurora Grandal, as conferencias dirixidas á cidadanía en xeral rematan o vindeiro 6 de xuño con dúas conversas: “Os biomateriais no combate do cancro”, a cargo de Bárbara Blanco, investigadora Ramón y Cajal na Universidade de Santiago, e “Células CAR-T: novo paradigma no tratamento do cancro” a cargo de Mariona Baliu, responsable do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia de Galaria.
Conferencias dirixidas aos centros educativos
As conferencias dirixidas á cidadanía en xeral compleméntase con outras dirixidas a centros educativos. Neste eido, o 13 de xuño, ás 11:30 horas no IES de Salvaterra, terá lugar a conferencia “O impacto das substancias cotiás no noso material xenético” a cargo de Vanessa Valdiglesias, profesora titular de Xenética e coordinadora do Grupo de Investigación en Nanotoxicoloxía e Toxicoloxía Xenética do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da Universidade da Coruña. Finalmente, o bloque de charlas en centros educativos da provincia completarase con outra actividade centrada nos “Medicamentos personalizados” a cargo de Carmen Álvarez, catedrática de Tecnoloxía Farmacéutica e académica da Real Academia Galega de Ciencias e da Real Academia de Farmacia de Galicia.