A Deputación e a Real Academia Galega das Ciencias afondan este mércores sobre os hackers no IES Plurilingüe A Paralaia de Moaña

A conferencia, enmarcada no Ciclo Aida Fernández Ríos e titulada “Ser ou non ser hacker e o dilema dos “sombreiros””, será impartida por Manuel Caeiro, profesor titular de Enxeñería Telemática da Escola de Enxeñería de Telecomunicacións da Universidade de Vigo

20/05/2024

O ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos, que promoven a Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias, chega este mércores, 22 de maio, ás 12:20 horas, ao IES Plurilingüe A Paralaia de Moaña cunha conferencia para afondar no papel dos hackers. Trátase de “Ser ou non ser hacker e o dilema dos “sombreiros”” e será impartida por Manuel Caeiro, profesor titular de Enxeñería Telemática da Escola de Enxeñería de Telecomunicacións da Universidade de Vigo.

Cada día prodúcense no mundo centos de ataques informáticos nos que se rouban datos, manipulan documentos, secuestran equipos e se fai uso de ordenadores zombis para cometer actividades delituosas. Os hackers parecen estar detrás destes incidentes, pero, ao mesmo tempo, tamén son unha peza clave para a protección e a seguridade. Neta conferencia impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias, Manuel Caeiro dará a coñecer os distintos tipos de hackers que existen e como se definen eticamente en canto á cor do seu “sombreiro” en brancos, negros, grises, vermellos ou azuis.

Trala conferencia no IES Plurilingüe A Paralaia de Moaña, o ciclo Aida Fernández Ríos continuará o 13 de xuño, ás 11.30 horas no IES de Salvaterra, coa conferencia “O impacto das substancias cotiás no noso material xenético” a cargo de Vanessa Valdiglesias, profesora titular de Xenética e coordinadora do Grupo de Investigación en Nanotoxicoloxía e Toxicoloxía Xenética do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da Universidade da Coruña. Finalmente, o bloque de charlas en centros educativos da provincia completarase con outra actividade centrada nos “Medicamentos personalizados” a cargo de Carmen Álvarez, catedrática de Tecnoloxía Farmacéutica e académica da Real Academia Galega de Ciencias e da Real Academia de Farmacia de Galicia.

Conferencias dirixidas á cidadanía en xeral

As conferencias en centros educativos do ciclo Aida Fernández Ríos compleméntase con outras dirixidas á cidadanía en xeral que son en formato seminario web e todas á mesma hora, ás 19:00 horas. Esta mesma semana, o xoves 23 de maio, terá lugar unha sobre “Aplicacións da intelixencia artificial para o procesamento da linguaxe natural. Novas tendencias e desafíos actuais”, impartida por Silvia García, integrante do Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo; e o día 30 da man de Aurora Grandal, profesora titular de Paleontoloxía, terá lugar outra sobre “De fósiles a humanos, unha historia de ida e volta”.

En xuño, o día 6, rematarán as conferencias dirixidas ao cidadanía en xeral con dúas charlas: “Os biomateriais no combate do cancro”, a cargo de Bárbara Blanco, investigadora Ramón y Cajal na Universidade de Santiago, e “Células CAR-T: novo paradigma no tratamento do cancro” a cargo de Mariona Baliu, responsable do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia de Galaria.