A Deputación dá comezo a catro novos obradoiros do programa “Provincia activa”, co que busca impulsar o envellecemento activo

Na vindeira semana iniciarán os talleres máis de 40 persoas maiores de catro asociacións de Cambados, Mos e Ponteareas

29/06/2024

A Deputación de Pontevedra continúa desenvolvendo os obradoiros do programa “Provincia activa”, co que a institución impulsa o envellecemento activo das persoas maiores da provincia, fomenta a participación e crea espazos de encontro e intercambio de experiencias. Ata 41 persoas maiores de catro asociacións de Cambados, Mos e Ponteareas comezarán a desfrutar das actividades formativas do programa a partir desta semana.

Este luns 1 de xullo 25 persoas da Asociación Batuqueiro de Vilariño, de Cambados, e 15 da Asociación Pazo de Mos comezarán o curso de ximnasia de mantemento para persoas maiores. Ao día seguinte, martes 2, serán 24 as persoas da Escola de Danza e Música Tradicional Pedra da Garza, de Ponteareas, as que comecen ese mesmo curso, o de ximnasia de mantemento para persoas maiores, mentres que 17 serán as persoas da Asociación Cultural Centro Cultural de Cillarga, de Ponteareas, as que dean inicio ao seu curso de pilates.

En total, a Deputación ofertou neste 2024 14 obradoiros no catálogo de “Provincia Activa” divididos en seis bloques temáticos: “Benestar natural” (Plantas medicinais), “Saúde en movemento”  (Pilates, ioga e ximnasia de mantemento para persoas maiores), “Emociónate” (Conservando a memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia emocional: Positividade e canalización das emocións), “Outra vida” (Teatro e Restauración de mobles e tapicería), “Con ritmo!” (Bailes de salón e Pandeireta e canto popular) e “Reder@s” (Habilidades dixitais para uso cotián e Informática. Nivel Avanzado). “Provincia Activa” conta este ano cun orzamento de 146.000 euros e desfrutarán dos obradoiros entidades de 42 concellos da provincia.