A Deputación leva esta fin de semana o programa provincial “+Bosques” ata o pazo de Lourizán e O Carreirón

A iniciativa promove o contacto directo coa natureza e ten todas as prazas de xullo e agosto cubertas. As inscricións para as quendas de setembro abrirán o 19 de agosto

17/07/2024

A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta fin de semana dous novos percorridos do programa provincial "+Bosques" que levarán un total de 30 persoas aos espazos naturais do pazo de Lourizán (Pontevedra), o sábado 20 de xullo, e O Carreirón (A Illa de Arousa), o domingo 21 de xullo. Os percorridos teñen unha duración de ata 3 horas e permitirán afondar sobre as especiais características destes espazos que os converten en lugares protexidos ou con exemplares botánicos singulares.

Esta iniciativa da institución provincial, que promove o contacto directo coa natureza, permite ás persoas participantes gozar das vantaxes dos "baños de bosques" a través de preto de 40 percorridos organizados entre xuño e outubro polos ríos Almofrei e Xabriña (Covelo), O Carreirón (A Illa de Arousa), Cabo Udra (Bueu), a Illa de Tambo (Poio), o Lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa) e o Pazo de Lourizán (Pontevedra). Os itinerarios deste mes de xullo e de agosto teñen xa todas as prazas cubertas e para os de setembro, que terán lugar todas as fin de semana do mes, o prazo de inscrición abre o 19 de agosto.

A Deputación, a través de "+Bosques", organiza este mes oito percorridos todos os sábados e domingos. En total ata outubro serán preto de 40 as quendas por sete espazos tanto da costa como do interior da provincia que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do "baño de bosque" e a conexión directa en e coa natureza. "+Bosques" promove  a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como a realización de exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.