A Deputación levará este domingo a máis de 100 persoas da provincia a desfrutar do programa de termalismo +Benestar

Son 115 veciños e veciñas de 25 concellos da provincia, que chegarán ao Hotel Carlos I e ao Gran Talaso, en Sanxenxo, e ao Hotel Spa Torre do Deza, en Lalín

23/11/2024

Máis de 100 persoas de 25 concellos da provincia desfrutarán desde este domingo do programa de termalismo da Deputación de Pontevedra +Benestar, con estadías no Hotel Carlos I e o Gran Talaso, en Sanxenxo, e no Hotel Spa Torre do Deza, en Lalín. En concreto, son persoas dos concellos da Estrada, A Guarda, As Neves, Baiona, Cangas, Catoira, Gondomar, Lalín, Marín, Meaño, Moaña, Moraña, Mos, Nigrán, O Porriño, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Redondela Salceda de Caselas, Silleda, Soutomaior, Tui, Vigo e Vilagarcía.

Ata 47 persoas de Baiona, Cangas, Gondomar, Lalín, Moaña, Mos, As Neves, O Porriño, Redondela, Tui, Vigo e Vilagarcía desfrutarán de +Benestar no Hotel Carlos I; 40 de Catoira, A Estrada, Gondomar, A Guarda, Moraña, Nigrán, Pontevedra, O Porriño, Salceda de Caselas, Silleda, Soutomaior e Vigo farán o propio no Gran Talaso, e 28 de Cangas, A Guarda, Marín, Meaño, Moaña, Ponteareas, Portas, O Porriño e Redondela irán ao Hotel Spa Torre de Deza.

No marco do programa de termalismo +Benestar serán preto de 2.200 as persoas de máis de 55 anos de 60 concellos da provincia as que desfruten de estancias de seis días e cinco noites en balnearios, talasos ou spas de Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín. A Deputación de Pontevedra pretende con esta iniciativa facilitar aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros e , ao mesmo tempo, dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.

O organismo provincial subvenciona un total de 2.097 das prazas, que son de réxime xeral, con 100 €, e outras 30, de réxime especial, están subvencionadas con 400 €, e os usuarios deben facerse cargo da cantidade restante. Ademais da estadía, o paquete comprende a pensión completa, o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día, e o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo ou Pontevedra.