A Deputación destina 200.000 euros para axudar a entidades sen ánimo de lucro a loitar contra a desigualdade e a violencia de xénero

“Seguimos demostrando con feitos e non só con palabras que somos un goberno comprometido coa igualdade e que queremos avanzar neste camiño para construír unha sociedade mellor”, remarcou o presidente Luis López

05/12/2024

rolda de prensa de Luis López

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe as bases as axudas destinadas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero en 2025. Unha liña dotada cun total de 200.000 euros, que, como explicou o presidente provincial, Luis López, “xa este ano chegou a 37 entidades diferentes despois de que aumentáramos en 50.000 euros o orzamento con respecto aos 150.000 que se tiñan destinado no 2023”.

“Seguimos demostrando con feitos e non só con palabras que somos un goberno comprometido coa igualdade. E queremos seguir avanzado na igualdade e na loita contra esa lacra social que é a violencia de xénero”, asegurou López, quen tamén adiantou que cada unha das entidades poderá recibir ata un máximo de 7.000 euros.

A través desta liña de axudas, a institución provincial colaborará con entidades sen fins de lucro para impulsar actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia de xénero; de atención integral de vítimas de violencia machista, fillos e persoas dependentes ao seu cargo; programas destinados a mulleres vulnerables; proxectos e actividades para fomentar a igualdade; proxectos encamiñados a mellorar a formación, o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; accións dirixidas a crear redes e servizos que favorezan a conciliación e campañas de difusión en materia de igualdade.

videos

audios