A Deputación ultima o prazo para que as mulleres da provincia soliciten as axudas á formación como adestradoras, xuízas e árbitras deportivas

As achegas, que se concederán por concorrencia non competitiva e teñen o prazo aberto ata o próximo luns, permitirán afrontar gastos de matrícula de ata dous cursos oficiais ou formacións federativas

26/11/2024

A Deputación de Pontevedra ultima o prazo para que as mulleres da provincia poidan solicitar as axudas da institución provincial co fin de financiar os estudos que lles permitan acceder aos postos de técnicas ou adestradoras en clubs deportivos, así como de xuízas e árbitras en diferentes modalidades deportivas. O prazo de solicitude mantense aberto ata o luns 2 de decembro.

As axudas están dotadas de 25.000 euros e permitirán subvencionar ata o 100% da matrícula dos cursos, ata dous por persoa cun importe máximo de 600 euros por cada formación. Poderán financiarse os títulos oficiais que dean acceso, nas diferentes modalidades, aos postos de adestradora ou técnica, xuíza ou árbitra, que poderán ser impartidos polas federacións deportivas (autonómicas ou estatais) ou polos centros de ensinanzas deportivas de réxime especial. Ademais, tamén son subvencionables os gastos de matrícula das formacións federativas iniciadas en 2024 para obter o diploma que capacita para adestrar a deportistas en idade escolar e participar en competicións federativas. En calquera dos dous casos, a matrícula deberá ser realizada este ano, e os estudos deben rematarse antes de final de ano ou comprender o curso lectivo 2024/2025.

As achegas, que se concederán por concorrencia non competitiva, chegaron o pasado ano a un total de 46 mulleres de 20 concellos da provincia. As solicitudes poden presentarse a través da sede electrónica da Deputación ou de maneira presencial, e no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) poden consultarse as bases da convocatoria.