A Deputación resolve as axudas para que máis de 80 mulleres da provincia impulsen a súa formación técnica deportiva

84 mulleres, case o dobre respecto ás axudas concedidas no ano 2023, recibirán 25.000 euros co fin de afrontar gastos de matrícula de cursos oficiais ou formacións federativas como técnicas, adestradoras, xuízas e árbitras

30/12/2024

A Deputación de Pontevedra publicou este luns a resolución das axudas para que mulleres da provincia poidan financiar os estudos que lles permitan acceder aos postos de técnicas ou adestradoras en clubs deportivos, así como de xuízas e árbitras en diferentes modalidades deportivas. 84 mulleres da provincia recibirán un total de 25.000 euros, un avance significativo respecto á resolución do ano pasado, cando se beneficiaron 46 mulleres e se concederon un total de 18.000 euros.

As mulleres beneficiarias proceden de 20 concellos da provincia: Bueu (3), Cambados (1), Cangas do Morrazo (9), A Guarda (1), A Illa de Arousa (1), Lalín (1), Marín (11), Meaño (1), Moaña (4), Poio (4), Pontevedra (11), O Porriño (1), Redondela (6), Ribadumia (1), Salceda de Caselas (2), Sanxenxo (2), Silleda (1), Tui (1), Vigo (22) e Vilagarcía de Arousa (1). A relación completa pode consultarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Grazas a esta liña, as mulleres beneficiarias poderán subvencionar ata o 100% da matrícula dos cursos, ata dous por persoa cun importe máximo de 600 euros por cada formación. Concretamente, fináncianse os títulos oficiais que dean acceso, nas diferentes modalidades, aos postos de adestradora ou técnica, xuíza ou árbitra, que poderán ser impartidos polas federacións deportivas (autonómicas ou estatais) ou polos centros de ensinanzas deportivas de réxime especial.

Ademais, tamén son subvencionables os gastos de matrícula das formacións federativas iniciadas en 2024 para obter o diploma que capacita para adestrar a deportistas en idade escolar e participar en competicións federativas. En calquera dos dous casos, a matrícula debeuse formalizar este ano, e os estudos debían rematar antes de final de ano ou comprender o curso lectivo 2024/2025.