A Deputación e o Concello de Valga supervisan o avance dos proxectos de transformación das estradas provinciais ao seu paso polo concello

13/08/2024

Visita da deputada de mobilidade ao concello de Valga

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación da Deputación de Pontevedra, Isabel Couselo, reuniuse na Casa do Concello de Valga co alcalde, José María Bello Maneiro, e outros membros do goberno municipal, co fin de abordar o avance de diferentes actuacións que se están a levar a cabo actualmente nas infraestruturas provinciais ao seu paso polo municipio.

Ademais, os equipos da Deputación e do Concello puideron ver in situ diferentes puntos do proxecto no que se está a traballar para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil da EP-8502 Valga-Baño, reactivado polo goberno provincial tras levar gardado nun caixón desde 2018. Este proxecto de absoluta prioridade para o concello, e no que ambas as dúas administracións traballan man a man, suporá a transformación e a humanización dun tramo desta estrada que vai desde o centro da vila cara á zona onde están localizados os centros educativos de Valga.