A Deputación e o Concello de Valga reactivan o proxecto de mellora da seguridade e a mobilidade peonil na estrada provincial entre Valga e Baño

A deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, e o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, mantiveron un encontro para “desatascar” un proxecto adiado desde 2018

29/07/2024

A deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, e o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro

A Deputación de Pontevedra avanza na reactivación do proxecto da mellora da seguridade e a mobilidade peonil na estrada provincial EP-8502 Valga-Baño. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, reuniuse co alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, así como con outros membros da corporación local, para abordar un proxecto prioritario para o concello pero que levaba gardado nun caixón desde o ano 2018.

A deputada provincial lembrou que se trata dun proxecto de transformación e humanización dun tramo desta estrada, que vai desde o centro da vila cara á zona onde están localizados os centros educativos. O persoal técnico da Deputación está a traballar man a man co Concello de Valga no proxecto existente co fin de incorporar as observacións e demandas que repercutirán na mellora da vida dos veciños.

Este encontro prodúcese despois de que a deputada e o alcalde visitasen en Valga o conxunto de estradas provinciais que transcorren por esta vila. Nesta visita, a deputada puido coñecer as prioridades do goberno local en canto ás infraestruturas públicas de titularidade provincial, entre as que se atopaba o proxecto da EP-8502 e ao que o goberno da Deputación está a dar unha resposta inmediata.