As solicitudes das axudas provinciais para deportistas de alto nivel marcan récord e dispáranse un 43% ata as 451

Estas axudas, divididas nas subcategorías de DEPO_DAN, DEPO_DAN+ e DEPO_TALENTO, concédense por concorrencia competitiva e en función dos resultados do 2023, co obxectivo de posibilitar a súa participación en competicións internacionais e nacionais

05/11/2024

Luisa Sánchez e Aisha Corredoira

A Deputación de Pontevedra rexistrou récord de solicitudes das axudas para deportistas de alto nivel con 451 peticións, un 43% de incremento respecto ás recibidas na anterior convocatoria.  Así o anunciou a vicepresidenta Luisa Sánchez, quen tivo ocasión de visitar este martes á campioa de España de Boxeo en Idade Escolar, Aisha Corredoira, nas instalacións do In Legatum Sport Club.

Tal e como avanzou a responsable provincial, tras alzarse co título nacional de cadete, a deportista do Rebouras Team poderá beneficiarse o vindeiro ano das axudas que concede a Deputación para novos talentos. Neste sentido, Sánchez quen puido coñecer da man de Antonio Rebouras, responsable del club de boxeo olímpico, e de Aisha Corredoira os seus plans deportivos máis inmediatos, destacou a fulgurante traxectoria da deportista viguesa, tras iniciarse nesta disciplina no 2023.  “Aisha ten un carreira prometedora dirixida ademais por un dos mellores adestradores da canteira galega, Antonio Rebouras, un referente e toda unha autoridade no boxeo en Galicia”, salientou a vicepresidenta, quen lle desexou a boxeadora olívica a maior das sortes nas citas que ten previstas para a nova tempada.

Sánchez reflexou en Aisha os grandes logros deportivos da provincia neste 2024, no que destacou a importante presenza de deportistas pontevedreses nas Olimpíadas e Paralimpíadas de París, representando á metade da delegación galega, e que tamén exemplificou nas 451 solicitudes de axudas rexistradas na Deputación para deportistas de alto nivel, a maior cifra da serie histórica. Segundo dixo, quedarán resoltas nos vindeiros días. A vicepresidenta lembrou que o pasado ano recibiron estas axudas un total de 316 deportistas. Entre eles atopábanse Teresa Portela,  Desirée Vila, Susana Rodríguez Gacio, os irmáns Rodríguez Huertas, Antía e Daniel Chamosa ou Antía Jácome.

Estas axudas, divididas nas subcategorías de DEPO_DAN, DEPO_DAN+ e DEPO_TALENTO, concédense por concorrencia competitiva e en función dos resultados do 2023, co obxectivo de posibilitar a súa participación en competicións internacionais e nacionais. No presente exercicio, a institución provincial aumentou o crédito dedicado a esta liña de subvencións nun 10% este ano chegando aos 275.000 euros, co fin de contribuír a custear os gastos derivados dos adestramentos, concentracións, competicións e viaxes.

Gala do Deporte

A vicepresidenta fixo ademais mención á Gala do Deporte que se celebrará este vernes 8 de novembro no pavillón do IES Castelao de Vigo, e que renderá homenaxe aos participantes da provincia nas Olimpíadas e Paralimpíadas do 2024. E xunto aos participantes dos Xogos de París, o deporte provincial terá tamén un lugar destacado no contido da gala, que reunirá aos deportistas becados pola Deputación de Pontevedra, cunha mención especial aos logros e méritos máis salientables dos deportistas da provincia na reciente tempada.

A gala, que incluirá proxeccións audiovisuais, música e exhibicións deportivo-artísticas, estruturarase en tres grandes bloques, dedicando un terceiro eixo temático á provincia como escenario de grandes eventos deportivos; sede de O Gran Camiño, do Internacional 6 Days of Enduro, do Mundial de Ciclocrós, da Vuelta Ciclista ou dos partidos oficiais das seleccións absolutas feminina e masculina de balonmán, entre outras citas destacadas.

Galerias de imaxes