A Deputación mantén aberto ata o 26 de xuño o prazo para solicitar as axudas do novo programa “Pontevedra, provincia +inclusiva”, dotado con preto de 200.000 € para impulsar a accesibilidade

As entidades sociais poderán recibir ata 10.000 euros da institución provincial para actuacións que promovan a seguridade e a autonomía das persoas

16/06/2024

Últimos dez días para solicitar as axudas do novo programa "Pontevedra, provincia +inclusiva", que impulsa por vez primeira a Deputación de Pontevedra para construír espazos máis accesibles. Esta nova liña de subvencións, dotada con preto de 200.000 euros de orzamento, destinará ata 10.000 euros a entidades sociais da provincia para actuacións que promovan a seguridade e a autonomía das persoas.

A través de "Pontevedra, provincia +inclusiva", a Deputación busca promover a accesibilidade co fin de que todas as persoas poidan desenvolver as actividades da súa vida cotiá sen restricións, así como ter unha participación activa na sociedade e tamén usar e desfrutar os espazos e os recursos. Deste xeito, ao abeiro desta nova liña de subvencións as entidades poderán financiar gastos derivados das obras de acondicionamento, reforma o ampliación de espazos accesibles, redaccións de memorias de proxectos de accesibilidade, a adquisición de sistemas inclusivos de comunicación ou axudas técnicas relacionadas coa mobilidade e o coidado persoal, como poden ser camas articuladas, cadeiras de rodas ou grúas, entre outras.

O 26 de xuño remata o prazo para solicitar recursos de "Pontevedra, provincia  +inclusiva". As entidades poderán recibir ata 10.000 euros para realizar actuacións de accesibilidade, sempre que non se supere o 80% do seu orzamento total.