A Deputación mantén aberto ata o vindeiro xoves o prazo para que as comunidades de augas opten ás axudas do Plan +Aqua, dotado cun millón de euros

A través deste programa a institución provincial distribuirá ata 10.000 € por comunidade de augas

22/02/2024

Últimos días para que as comunidades de augas da provincia poidan optar ao Plan +Aqua que, dotado cun millón de euros, distribuirá ata 10.000 € por entidade. Trátase dun programa que pon o acento na xeración de sinerxías positivas, sobre todo no rural, e responde ao novo modelo de xestión da institución provincial, centrado nas persoas, sostible e aliñado cos obxectivos de reto demográfico.

Con +Aqua o Goberno de Luis López pretende mellorar o medio rural e as barriadas urbanas mediante un mellor aproveitamento dos recursos, así como velar pola xestión da auga apoiando e fortalecendo a participación das comunidades locais. O plan tamén pretende garantir o acceso universal e equitativo á auga potable, de xeito que se asegure a súa calidade e sostibilidade; impulsar infraestruturas e equipamentos comunitarios que faciliten a autoxestión e a transformación social do territorio; e, en definitiva, mellorar a calidade de vida dos veciños da provincia, mediante o fomento e a dinamización da implantación homoxénea de servizos comunitarios básicos.

As axudas do Plan +Aqua oscilan entre os 6.000 e os 10.000 euros e as comunidades de augas aínda poden presentar a súa solicitude ata o vindeiro xoves 29 de febreiro. Cos recursos do plan, as entidades poderán mellorar, reformar ou reparar as súas infraestruturas e instalacións de auga comunitaria; realizar actuacións de dixitalización, sostibilidade e eficiencia enerxética que impliquen unha mellora da calidade da auga; mellorar os sistemas de tratamento; legalizar novas concesións ou renovar as existentes; e mellorar as captacións e as infraestruturas de almacenamento de auga.

A aposta da Deputación de Pontevedra polo tecido asociativo ascende este ano aos dous millóns de euros, xa que, ademais do millón de euros que contempla o Plan +Aqua, tamén se aprobou outro millón de euros dirixido ás entidades veciñais, a través do Plan Provincia Comunitaria, cuxo prazo de solicitude remata tamén o xoves 29 de febreiro.