A Deputación mantén aberta ata este domingo a exposición de Mónica Alonso “A pel do Museo”, na que a artista fai unha reinterpretación da colección museística
A mostra, que é a primeira do proxecto ‘Infiltracións’, pode visitarse durante toda esta semana nas salas da exposición permanente do Edificio Castelao
10/09/2024
A fascinación polas cores da pel é o eixo da proposta ‘A pel do Museo’, de Mónica Alonso, que se pode visitar ata este domingo, 15 de setembro. A artista da Fonsagrada iniciou o ciclo de exposicións ‘Infiltracións’ explorando a riqueza de tonalidades que presenta o corpo de quince obras de arte galega presentes na colección permanente do Museo de Pontevedra, e que durante catro meses se puido visitar nas salas situadas nas tres plantas do Edificio Castelao.
Con “A pel do museo”, Mónica Alonso trata de catalogar unha selección de peles de obras de personaxes representadas no museo, extraendo deses cadros ou esculturas as cores da pel, revelándoas ante o espectador. Alonso obtivo a fórmula precisa de cada tonalidade de pel e a mestura de pigmentos necesaria para replicala. Esa mestura sitúase diante de cada unha das obras intervidas e as persoas que visiten a mostra disporán dun folleto coa información da composición de cada cor, de xeito que podería replicala sempre que queira.
O percorrido a través da selección de quince obras expostas actualmente no Museo de Pontevedra e seleccionadas pola artista abrangue as tres plantas do Edificio Castelao para revelar as calidades das cores e matices descoñecidos. A escolma abrangue distintas tipoloxías de pel e de materiais utilizados en cadros e esculturas, que van desde pezas barrocas ata unha escultura de Leiro, pasando por obras de Maruja Mallo, Sotomayor, Arturo Souto, Manuel Torres, Julia Minguillón, Xosé Eiroa ou Castelao, entre outros.
A mostra é a primeira do ciclo “Infiltracións”, comisariado por Iñaki Martínez Antelo. Neste ciclo, o Museo e o comisario convidarán cada ano a dous artistas, para que presenten as súas obras en diálogo coa colección permanente do Museo de Pontevedra. O obxectivo é fomentar a construción colectiva de aprendizaxes e achegarse a distintos públicos. Así, cada artista convidado creará obras específicas coas que se irán incorporando progresivamente os discursos contemporáneos ao Museo, sempre en relación con obras da colección, ofrecendo novas lecturas sobre os fondos. En outubro inaugurarase a seguinte intervención, do artista colombiano Alberto Baraya.
Mónica Alonso
Mónica Alonso leva décadas traballando sobre as cores, investigando as súas capacidades e tamén a súa influencia nos nosos estados de ánimo. Doutorada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, realizou proxectos expositivos para centros como o CGGAC, o Museo Provincial de Lugo, o Centro Torrente Ballester de Ferrol e o Museo de Arte Contemporáneo de Valdivia, en Chile. En 2008 recibiu a Beca CAM de Arte Contemporáneo co proxecto ‘Do frío ao calor, do calor ao frío, pasando polo temperado’, co que viaxa a lugares como Oslo, São Paulo, Patagonia, Nord Kapp e o Sahara.
A súa multidisciplinariedade levouna a realizar varios proxectos de colaboración ao longo dos anos. Do seu interese pola arquitectura e a psicoloxía xurdiu o deseño de terapias espaciais, como a que aplicou no CHUS de Santiago de Compostela, na área de pediatría, entre 2008 e 2010. En 2012 deu comezo a un dos seus proxectos máis ambiciosos: Percepción espacial e cromática do ser humano en diferentes culturas, co que fixo aplicacións na cultura árabe, mexicana e galega. Logo estendeu a investigación a diferentes grupos sociais: mulleres árabes, xitana e galegas e grupos como vítimas de violencia e pacientes de cancro xinecolóxico.