A Deputación ultima o prazo para que os concellos soliciten as actuacións do programa +Escénicas

A institución provincial pon á disposición dos municipios de menos de 20.000 habitantes un catálogo de espectáculos teatrais e de danza que poden programar entre outubro de 2024 e marzo do próximo ano

09/09/2024

A Deputación de Pontevedra pecha o próximo luns 16 de setembro o prazo para que os concellos soliciten algunha das propostas de +Escénicas, un novo programa da institución provincial destinado a apoiar a programación de danza e teatro en galego nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. A través desta iniciativa, os municipios beneficiarios poden escoller actuacións entre un catálogo de espectáculos de artes escénicas impulsados por compañías e artistas tanto da provincia como do resto de Galicia, un total de 286 propostas divididas nas modalidades de +Teatro (258) e +Danza (28).

Con este novo circuíto provincial, a Deputación busca dar resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo dende fai máis de 15 anos, ademais de contribuír a impulsar a programación e representación de funcións nos concellos menos poboados, favorecendo o acceso á cultura por parte de todos os públicos. Cada concello adherido a +Escénicas recibirá unha achega máxima de 3.400 euros, podendo solicitar un máximo de tres espectáculos. O cofinanciamento dependerá do tamaño do concello: ata 5.000 habitantes, a Deputación aportará ata un 90% e o concello unicamente o 10% restante. A proporción será do 80% e o 20% nos municipios de 5.000 a 10.000 habitantes, e do 70% fronte ao 30% nos que teñan entre 10.000 e 20.000.

O catálogo de +Escénicas atópase xa dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra. Os concellos poden elixir entre as propostas recollidas no catálogo e solicitar os espectáculos ata o día 16 de setembro, mentres que as actividades deberán desenvolverse entre o 15 de outubro deste ano e o 31 de marzo de 2025