A Deputación supervisa en Moraña os traballos de conservación de firmes na rede viaria provincial
A deputada Isabel Couselo e o alcalde de Moraña, José Luis Gómez Fontenla, visitaron no Souto as obras que se están a acometer nun tramo de 800 metros da EP-8202 Souto-Cequeril, cun custo estimado próximo aos 80.000 euros
10/09/2024
A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación da Deputación de Pontevedra, Isabel Couselo, supervisou este martes acompañada do alcalde de Moraña, José Luis Gómez Fontenla, a actuación que a institución provincial está a acometer na EP-8202 Souto-Cequeril dentro do acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria da institución provincial, cun custo estimado de preto de 80.000 euros.
As obras na EP-8202 consisten principalmente na reposición de capa de rodadura nun tramo de 800 metros desta infraestrutura viaria, coincidente co comezo da vía, no lugar do Souto. Ao igual que o resto de actuacións derivadas do acordo marco, trátase dunha operación localizada de mantemento da superficie do firme, para manter a súa capacidade portante, con operacións complementarias de reposición da sinalización horizontal e drenaxe afectadas. Deste xeito, repóñense os pavimentos que presentan degradacións, sexa por pavimentos escorregadizos, con deformacións ou fisuras. Nesta actuación, cunha superficie de máis de 5.000 m2 afectados, realizáronse saneamentos puntuais en 190 m2 ademais de 240 metros de drenaxe transversal.
O acordo marco de conservación de firmes da Deputación está dotado de 4,4 millóns de euros para toda a provincia. O lote 4, no que está incluído Moraña (ademais de Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cangas do Morrazo, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes, A Lama, Marín, Moaña, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Redondela, Soutomaior e Vilaboa), ten un orzamento de preto de 900.000 euros.